top of page

A música tradicional e a actuación de Carlos Blanco centran o Mes das Letras de Silleda

Complétase coa semana cultural de Vista Alegre, unha xincana sobre o Camiño de Nós, un contacontos e unha nova edición de Xonga


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de programar para o vindeiro mes de maio máis dunha ducia de actividades culturais, entre as que destacan as que xiran en torno á figura das cantareiras, a quen se adica este ano o Día das Letras Galegas. As xa tradicionais citas promovidas por distintos colectivos co apoio do Concello, súmanse outras novas para poñer en valor o legado da música e a poesía popular. A programación do mes das letras no municipio de Silleda, que foi presentada onte pola alcaldesa, Paula Fernández, a concelleira de Cultura, Mónica González, e membros de distintos colectivos participantes, contará con música, obradoiros, arte, contacontos e humor.


O calendario arranca o sábado 3 de maio cunha nova edición da Mostra de Baile Tradicional Infantil de Xirandola (18:30 no auditorio Manuel Dopazo), cunha agrupación de Menorca como convidada.


O sábado 10 de maio chegará á praza Siñor Afranio o espectáculo familiar “Pelica de Burra” un obradoiro de narración e música a través do programa FalaRedes (12:00 horas).

Representantes de Vista Alegre, Coral Trasdeza, Coro Vales Mahía, Asociación de Veciños de Parada, Xirandola, Paula Fernández e Mónica González.
Representantes de Vista Alegre, Coral Trasdeza, Coro Vales Mahía, Asociación de Veciños de Parada, Xirandola, Paula Fernández e Mónica González.

 O luns 12 de maio arranca unha nova edición de Dezarte, a mostra de artes plásticas no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, que inicia así ata o 16 a súa Semana Cultural.


Camiño de Nós e A penúltima con Carlos Blanco

O mércores 14 levarase a cabo unha xincana, con alumnado do IES Pintor Colmeiro, arredor do Camiño de Nós, para rememorar a ruta a Compostela que realizaron en 1926 intelectuais galegos da xeración Nós pasando polo municipio silledense.


O sábado 17, día das Letras, terá lugar unha edición especial do certame Xonga, promovida por Xirandola e o Concello de Silleda, que achegará ata a carballeira das Pedrosas durante toda a xornada o espírito da tradición da música popular galega, ca participación de grupos da contorna.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

As “Mulleres nas Letras”, centrarán o contacontos musical da man de Antón Ke na biblioteca municipal Daniel Castelao o mércores 21 (18:00 horas) e o venres 23, ás 21:00 horas chega outro dos pratos fortes co monólogo “A penúltima”, co coñecido actor e humorista Carlos Blanco no auditorio da Semana Verde. As entradas poden adquirise en ataquilla, no Bar Pukará, cafetería Cuppedia, e no Concello de Silleda ao prezo de 15 euros (18 en taquilla).


A música das corais do municipio tamén estará presente con dúas citas habituais do mes de maio. Así, o sábado 24 terá lugar o certame Tardes de Primavera, da Coral Polifónica Trasdeza (salón parroquial 20:30 horas) ca participación da coral anfitriona, o Coro Vales Mahía e a Coral San Telmo de Tui; e o sábado 31, no mosteiro de Carboeiro será a cita do Coro Vales Mahía, co festival Voces de Carboeiro, tamén ca participación da Coral Polifónica Trasdeza, e a Coral de Salcedo.


Tamén na xornada do sábado 24, terá lugar unha aula aberta de pandeireta na praza Siñor Afranio (11:30) e pola tarde, a música tradicional volverá ás fontes e lavadoiros de Parada cunha nova edición da Ruada, a partir das 17:00 horas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O sábado 31, a programación péchase con protagonismo das cantareiras. Así, a partir das 11:30 horas celebrarase no salón de actos do Concello o obradoiro “Sementando a recollida”, sobre patrimonio oral, ao que seguirá a entrega de premios do segundo certame “Presume de língua”, sobre as cantareiras. Un vermú musical con cantareiras poñerá o broche final á xornada.


Dende o Concello de Silleda a alcaldesa e a concelleira de Cultura destacaron o traballo e esforzo dos colectivos e agrupacións participantes na programación, con colaboración municipal en todos os eventos, e de maneira especial “a adicación de todas aquelas persoas do noso municipio que durante anos mantiveron e manteñen viva a tradición da música e o patrimonio oral en Galicia”.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page