Laura Moure/A Ulloa/Arzúa/Terra de Melide
A Mancomunidade do Camiño Francés promove a iniciativa Resoando no Camiño Francés a través da cal achegará a música de Abraham Cupeiro a seis localidades entre xullo e agosto. Entre estes municipios figuran Monterroso, Palas de Rei, Arzúa e Melide.
Será en Monterroso onde arranque esta experiencia única e internacional. Unha viaxe pola historia a través da música en enclaves únicos do patrimonio galego, nun ciclo de seis concertos con instrumentos da Antigüidade.
O músico sarriao, que recupera instrumentos perdidos no tempo para crear novas sonoridades, inicia unha serie de concertos en municipios do Camiño Francés. O ciclo comeza este 24 de xullo en Monterroso (ás 20:00 horas) e rematará o 3 de agosto en Palas de Rei (20:00 horas), despois de pasar por Arzúa (13:00 horas) e Sarria (ambos o 25 de xullo ) e Melide (20:30 horas) e Triacastela ( nestes últimos municipios o 1 de agosto).
Os espectáculos localízanse en monumentos patrimoniais, para conectar o ancestral coa modernidade a través de instrumentos do pasado. Sarria, o concello natal do músico Abraham Cupeiro acolleu a presentación do ciclo de concertos Resoando no Camiño Francés.
O artista estivo acompañado polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e a concelleira de Cultura e Camiño de Santiago da localidade lucense, Reyes Abella, o segundo tenente de alcalde Xosé Igrexas García (Melide), o alcalde Pablo Taboada Camoira (Palas de Rei), a alcaldesa Olga Iglesias Fontal (Triacastela), e o segundo tenente de alcalde e representante da Mancomunidad en Monterroso Luís Mariño, representando os seis concellos que participan nesta proposta.
A través dun repertorio de composicións e recreacións musicais incluídas en obras do artista coma PANGEA ou Os sons esquecidos, Abraham Cupeiro fará resoar as pedras da Igrexa Parroquial de San Miguel de Monterroso, a de Santiago de Arzúa, San Pedro de Melide, Santirso en Palas de Rei, o albergue de peregrinos do Mosteiro da Magdalena de Sarria e a alvariza de Pedro Pardo en Triacastela. En total, seis enclaves de interese histórica e espiritual sitos ao pé da ruta a Compostela.
Ademais de música, cada un dos enclaves patrimoniais seleccionados para a actuación contará cun proxecto de iluminación singular, co fin de potenciar a experiencia e reforzar a posta en valor do patrimonio.
A cita en Arzúa
A Concellaría de Turismo de Arzúa informa que este sábado, 24 de xullo, ás 13:00 horas celebrarase na Igrexa de Santiago de Arzúa o concerto do músico Abraham Cupeiro. As persoas que desexen asistir, deberán inscribirse no teléfono 981 508 056 ou acudir ao punto de información turística da Praza do Peregrino s/n , 15810 - Arzúa. O horario de atención ao público é de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00.
O que caracteriza a Cupeiro é a recuperación de instrumentos dun pasado remoto, que emprega para crear músicas do presente, un conxunto de sons ancestrais que reanima a través do seu traballo. A súa arte ten unha visión poliédrica que comprende a investigación, a creación, a interpretación e a construción dos elementos necesarios para chegar a esas sonoridades.
Destaca por ser unha das poucas persoas que toca o karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro) ou a corna. Ademais, é impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega: a corna. O seu interese pola organoloxía levouno a conseguir unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas, como destaca a Concellería de Turismo de Arzúa.
Noticia relacionada
Comments