Celebraranse en ao redor de 16 pobos, ademais das sete cidades galegas, co obxectivo de garantizar a seguridade sanitaria
Laura Moure/Lalín
As oposicións de Educación, con 3.894 prazas tras a ampliación da oferta pública de emprego no corpo de profesores técnicos de FP, celebraranse en ao redor de 16 localidades diferentes, con sedes nas catro provincias. Así llo anunciou hoxe o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez Bértolo, ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial Docente non Universitaria. Os lugares aínda se están perfilando, aínda que algunhas destas sedes periféricas serán Oleiros, Viveiro, Lalín, Vilagarcía e O Carballiño.
Ademais, a Xunta coordinará coas tres universidades galegas a cesión de espazos destas institucións académicas para o desenvolvemento das probas, principalmente nas cidades. O obxectivo é evitar as aglomeracións nunhas probas nas que están rexistradas 26.744 persoas, un 50% máis que 2019, cando se presentaron 17.814. Así mesmo, e tamén co fin de garantir a garantía sanitaria nas probas, a Xunta de Galicia tomou a decisión de realizar os exames de forma graduada e de duplicar os tribunais.
Instrucións con antelación na web
Así mesmo, e tendo en conta o inicio graduado das probas, este ano elimínase a tradicional presentación que cada opositor debía realizar na primeira xornada antes dos exames para recibir as instrucións dos tribunais. Estas instrucións estarán dispoñibles na páxina web coa debida antelación. Ademais, non será necesario que os interinos se presenten ao procedemento selectivo para manter os seus dereitos na relación de persoas para prestar servizos como interinos ou substitutos.
Por outra banda, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que as oposicións de Educación terán un protocolo propio de seguridade sanitaria, en liña coas oposición da Xunta, aínda que adaptado ás particularidades destas probas.
Dobre de tribunais
As oposicións desenvolveranse con 359 tribunais, máis do dobre que en 2019, o que supoñerá mobilizar a máis de 3.500 profesores entre titulares e suplentes. Deste xeito, redúcese de forma significativa o número de persoas opositoras por tribunal, en concreto nun terzo (32%): de 109 no ano 2019 a 74 este ano. A primeira fase das probas desenvolverase do 19 ao 25 de xuño de maneira graduada para evitar a concorrencia dun elevado número de persoas nun mesmo lugar. Os tribunais, a través da web da Consellería, comunicarán a data de realización da proba, a hora e o lugar. A realización da parte práctica da proba, cuxa data é fixada por cada tribunal, ten como data límite o 23 de xullo.
Comments