A lectura ábrenos as portas do mundo que nos atrevamos a imaxinar
O día 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro
Laura Moure/Xeral

O poder das palabras. Esa frase di moito e sabemos da importancia disto, porque a nosa ferramenta de traballo, como en todo o medio de comunicación, é a PALABRA. E tamén sabemos da importancia de ler e inculcarlle este hábito aos nosos pequenos porque "un neno que le, será un adulto que pensa". E por iso, hoxe queremos lembrar que como cada 23 de abril se conmemora o Día Internacional do Libro.
Pero por que esta data? Pois foi o día elixido pola Unesco por consideralo simbólico para as letras. En concreto, o organismo da Organización das Nacións Unidas (ONU) escolleu esta data porque ese día de 1616 faleceron tres escritores de gran relevancia: Miguel de Cervantes, William Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega.
Este día celébrase co obxectivo de fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual por medio do dereito de autor.
E a ti gústache ler? Xa sabes que a lectura ábrenos as portas do mundo que nos atrevamos a imaxinar. Un libro fai que a nosa imaxinación brote! Así que... atrévete a soñar!