Laura Moure/Lalín
Despois dos anos de pandemia, onte volveu a Lalín a súa Gran Gala do Cocido que reuniu no Lalín Arena a máis de 3.000 persoas. Achegáronse veciños deste municipio e doutros que tiñan ganas de desfrutar dun evento tan importante que congregou a artistas e agrupacións locais, nacionais e incluso, internacionais. E todo retransmitido en directo a través do programa Luar da Televisión de Galicia conducido polo mítico José Ramón Gayoso e por Trisha Fernández.
Polo escenario pasaron Beret, María del Monte, a orquesta París de Noia oficial, Ortiga, Pili Pampín, a Orquesta Olympus, Omar Montes e o grupo de danzas Santiago Apóstol de Pamplona, ademais dos artistas lalinenses Máisquedanza, que foron os encargados de inaugurar o evento, A Carballeira de Cercio, a Asociación Cultural Carballo da Manteiga, Pachi Show, N-525 e De Perdidos al Trío.
Ademais, ata a capital dezá desprazaronse tres delegacións visitantes de Andorra, Argentina e Francia: Escaldes, Chascomús e Linden, respectivamente que foron mencionadas dun xeito especial na intervención do alcalde de Lalín, José Crespo, ao inicio da gala.
Ademais tivo lugar a entrega dos XIX Premios de Gastronomía de Galicia na que dous lalinenses se alzaron con premios: Modesta Montoto Areán de Restaurante Villanueva, premio “Pepe Solla” ao labor de toda unha vida dedicada á gastronomía galega e David Liñares González, de Liñares Apicultura como premiado ao Pequeno produtor galego.
No apartado do premio ao "Profesional que máis se distinguira na potenciación da Cociña Galega”, o galardón recaeu na persoa de Xosé Torres Cannas do Restaurante Pepe Vieira que logrou este ano a segunda estrela Michelín.
Así mesmo distinguiuse no apartado do “Premio á empresa ou entidade que máis contribuíu á promoción da gastronomía Galega e dos produtos gastronómicos galegos” a Aceites Abril pola súa traxectoria e tamén por accións que están a tomar como o traballo na recuperación de variedades autóctonas.
A empresa de Liñares Apicultura de David Liñares, natural de Lalín, foi recoñecida co “Premio ao pequeno produtor” que máis se destacou no ano pasado, pola innovación que estivo e está a facer no eido da apicultura e a repercusión que está tendo a nivel nacional e internacional.
Por último, no apartado do premio á “Adega ou empresa vitivinícola” o galardón recaeu na Adega Algueira (Doade, Sober), debido á súa traxectoria ao longo do tempo e á calidade de produtos cos que levan décadas deleitando a todos os amantes do viño.
Mentres, o xornalista Manuel Villanueva fíxose por unanimidade do xurado co XXIX Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro".
Agora toca repoñer forzas para desfrutar mañá, domingo, da LV Feira do Cocido. O pregoeiro será o presentador de Informativos Telecinco José Ribagorda.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Cartel actividades Cocido ata o mes de maio: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-d%C3%A1-a-co%C3%B1ecer-todas-as-actividades-en-relaci%C3%B3n-coa-festa-do-cocido-que-durar%C3%A1n-ata-maio
コメント