A Garda Civil retira da venta preto de 1.500 xoguetes por non reunir condicións de seguridade
As inspeccións realizáronse ao longo dos dous últimos meses en distintas localidades da provincia de Pontevedra
Ecos da Comarca/Xeral
A Garda Civil, no marco dunha campaña orientada á seguridade dos nenos e dos dereitos dos consumidores, procedeu na provincia de Pontevedra á retirada da venda preto de 1.500 xoguetes por non reunir as condicións de seguridade establecidas nas distintas Directivas do Consello Europeo. Estas inspeccións realizáronse ao longo dos dous últimos meses en distintas localidades da provincia de Pontevedra, en establecementos almacenistas e comerciantes polo miúdo tipo bazar onde se venden xoguetes a baixo custo, principalmente de orixe asiática.

Detectáronse irregularidades en 13 dos 42 establecementos inspeccionados, que deron lugar a que se formulasen 13 actas por infraccións administrativas de contrabando, polo que se incautaron 1486 xoguetes, na súa maioría de orixe chinesa, ao non acreditar a súa legal adquisición e licita importación. Dentro do mesmo ámbito de actuación, formuláronse 42 actas por distintas infraccións en materia de seguridade e consumo, relativas ás marcas, etiquetas e envases. Tamén se detectaron algúns xoguetes provistos de láser sen a correspondente inscrición informando sobre o seu perigo e clasificación de risco.
A totalidade dos xoguetes intervidos, cuxo valor ascende a 7.900 euros, foron precintados e postos ao dispor das autoridades competentes, remitindo as denuncias ao Departamento de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, así como aos organismos competentes en consumo da Xunta de Galicia. Este operativo desenvolveuse por efectivos da Garda Civil pertencentes á Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Pontevedra.