A Subdelegación do Goberno garante a total colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para "que Lalín siga sendo un dos concellos máis seguros da provincia"
Laura Moure/Lalín
O Concello de Lalín acolleu estexoves a reunión da Xunta Local de Seguridade extraordinaria tendo como punto único na orde do día a “análise da situación derivada dos casos de presunto acoso e os episodios de roubos producidos nas últimas datas”. O encontro foi presidido pola secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María Isabel Alonso, e polo alcalde de Lalín, José Crespo. Tamén asistiu o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, amais de membros da Policía Autonómica e da Policía Local.
A Subdelegación do Goberno garantiu no encontro a total disposición a colaborar por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para seguir facendo de Lalín un dos municipios máis seguros da provincia. Porén, constatouse que a pesar dos últimos episodios, que pola súa natureza poden xerar maior alarma social, o municipio continúa sendo moi tranquilo, cunhas cifras de criminalidade que apenas varían con respecto ao ano pasado e que se manteñen varios puntos por debaixo da media provincial.
Así, a cifra de infraccións penais rexistrada en Lalín nos seis primeiros meses do ano alcanza as 280, só 3 máis que no mesmo período de 2022. Pola súa banda, os delitos contra o patrimonio de carácter leve baixan un 11,7%, mentres que os máis graves soben un escaso 1%. No relativo aos delitos contra a liberdade sexual tampouco se apreza un incremento salientable da delincuencia. As denuncias por estes feitos eran dúas entre xaneiro e agosto de 2022 e pasan a ser tres este ano coas dúas producidas o mes pasado. Doutra banda, o traballo da Garda Civil obsérvase no número de delitos esclarecidos, que aumenta no caso dos graves nun 4,23% e dos leves nun 6,25%.
Publicidade
Na Xunta de Seguridade tamén se puxeron sobre a mesa os datos relativos a violencia de xénero. Actualmente hai 42 casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de violencia de xénero (Sistema VioGén) e as denuncias no que levamos de 2023 apenas varían con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Con todo, a Subdelegación do Goberno comprométese a incrementar a presenza e a vixilancia das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado naqueles puntos do espazo público da localidade que poidan resultar máis conflitivos, así como a manter a habitual e estreita colaboración coa Policía Local para garantir na medida do posible a seguridade cidadá.
Publicidade
Doutra banda, na Xunta de Seguridade realizouse un chamamento á importancia de denunciar calquera tipo de agresión, sexa de carácter sexual ou doutra natureza, pois é a única vía para que as forzas de seguridade poidan actuar. Este tipo de denuncias nunca “caen en saco furado” e son sumamente importantes para que a Garda Civil poida iniciar unha investigación que derive en sancións ou posta a disposición xudicial dos agresores.
Comments