top of page

A Garda Civil realizará controis dinámicos de velocidade no marco da campaña da DXT

A campaña desenvólvese desde onte, luns 17 de abril, ata o domingo 23 de abril


Laura Moure/Xeral

O Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia intensificou a vixilancia dos límites xenéricos das vías interurbanas con especial atención nas autoestradas e autovías sen esquecer as estradas convencionais, no marco da campaña específica de control de velocidade desenvolvida pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), co obxectivo de evitar condutas de risco para a seguridade viaria, protexendo con iso a integridade de todos os usuarios da vía. Dita campaña incide nun dos principais factores da sinistralidade viaria, a velocidade. A campaña desenvólvese desde onte, luns 17 de abril, ata o domingo 23 de abril.

Durante o desenvolvemento da mesma, os radares móbiles dos que dispón o Sector de Tráfico en Galicia situaranse principalmente en vehículos rotulados coas cores oficiais, facendo uso deles en menor medida nos vehículos con cores comerciais, tratando con iso de reducir a sinistralidade nas vías de comunicación de Galicia.


Os sinistros viarios tipo na comunidade galega son as saídas de vía, nas que normalmente se conxugan a distracción e a velocidade excesiva ou inadecuada ao estado da vía.

Combinación velocidade, alcol e drogas

Durante os controis previos á mencionada campaña detectáronse casos alarmantes como o ocorrido na autovía AG-11 (Padrón- Ribeira) onde se controlou un turismo que circulaba a 142 quilómetros por hora, sendo o límite xenérico para este tipo de vías de 120 km/h, lanzando o seu condutor un resultado positivo nas probas de alcoholemia ás que foi sometido e carecendo o vehículo de seguro obrigatorio e constándolle a ITV caducada.


Noutro dos dispositivos realizado na estrada AC-840 (Betanzos –Agolada), detectáronse un gran número de infraccións de exceso de velocidade, superando nalgúns casos o límite establecido para vías de alta capacidade (120 km/h) cando o límite de velocidade xenérico para esta vía é de 90 km/h, detectando ademais a dous condutores que lanzaron resultados positivos nas probas de drogas, pendentes da confirmación por parte do laboratorio de referencia e un terceiro condutor que lanzo valores de 0,76 mg/ de alcol en aire expirado na primeira proba e de 0,78 mg/l na segunda, o cal terá que comparecer proximamente no Xulgado de Betanzos como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria. Os vehículos destes tres condutores foron inmobilizados ata a desaparición das causas que motivaron a inmobilización.

Límites de velocidade vía interurbanas

A Garda Civil lembra que os límites de velocidade xenéricos para as vías interurbanas son de 120 km/ en autoestradas e autovías e de 90 km/h convencionais, así como que por regra xeral a velocidade máxima nas travesías é de 50 km/h e que xa non está permitido superar a velocidade en 20 km/h para realizar adiantamentos.


Está demostrado que respectar os límites establecidos salva vidas, polo que recomenda respectalos para evitar sancións e sinistros viarios. Ademais de adecuar a velocidade ás circunstancias da vía segundo a intensidade da circulación, as condicións meteorolóxicas ou outros factores que aconsellen moderar a nosa velocidade.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page