Nesta localidade xerouse unha gran alarma social debido ao aumento do consumo de estupefacientes entre os mozos
Ecos da Comarca/Xeral

A Garda Civil detivo a un mozo de 21 anos, veciño de Ordes, no marco da Operación MOSVE. A operación, levada a cabo de maneira conxunta polo Posto de Ordes e o Equipo de Investigación ROCA da Compañía de Santiago de Compostela, iniciouse tras unha actuación previa da Policía Local de Ordes. O detido foi interceptado no momento en que se dirixía a realizar unha venda, con 15 doses de haxix no seu poder, tal e como informa a Oficina de Prensa da Comandacia da Garda Civil da Coruña.
Posteriormente, no rexistro domiciliario incautáronse 21 tabletas de haxix cun peso aproximado de 2.152 gramos, 7 pastillas de éxtases, 370 euros en billetes fraccionados, 640 bolsitas para a preparación de dose, unha báscula de precisión e tres pistolas de aire comprimido. As doses incautadas coincidían en tamaño, forma e envoltorio coas intervidas anteriormente pola Policía Local.
Publicidade
A investigación comezou en maio de 2024, cando a Policía Local de Ordes incautou 60 gramos de haxix nun punto coñecido polo consumo e distribución de drogas polo miúdo. Este lugar é frecuentado por mozos, moitos deles menores de idade, o que xerou unha gran alarma social debido ao aumento do consumo de estupefacientes entre os mozos da localidade.
Publicidade
O detido, coñecido por moitos mozos da zona e que abandonou os seus estudos hai varios anos, levaba un nivel de vida alto sen unha fonte legal de ingresos. Era frecuentemente visto en lugares coñecidos por ser puntos de encontro de potenciais compradores.
Esta Operación permitiu a desarticulación do punto de venda de haxix máis activo da comarca de Ordes que causara unha gran alarma social xa que moitos compradores estaban relacionados con centros educativos da localidade, incluíndo menores de idade.
Publicidade
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 de Ordes como suposto autor dun delito de tráfico de drogas.
Comments