top of page

A Garda Civil detivo a 15 persoas en Galicia por máis de 40 delitos contra o Patrimonio

Os axentes levaron a cabo distintos rexistros, entre eles en dúas vivendas de Melide


Laura Moure/Melide

No marco da operación SALVAMOREL a Garda Civil detivo a 15 persoas, 11 homes e catro mulleres pola súa presunta participación en polo menos 40 roubos con forza, subtraendo material por un valor superior aos 700.000 euros na Comunidade Autónoma de Galicia. Este grupo de delincuentes comezou a ser investigado no mes de marzo polo equipo ROCA da Garda Civil de Santiago de Compostela, responsable da investigación, ao detectar a presenza dalgún deles nas inmediacións de naves industriais onde posteriormente cometéronse varios roubos.

Os investigadores comprobaron que detrás da comisión destes feitos atopábase un entramado delituoso formado por un grupo con lazos familiares e base no poboado denominado O Carqueixo, situado na localidade de Lugo. A maioría dos investigados contaban cun amplo historial delituoso con antecedentes por roubos con forza e mesmo algúns deles con numerosas ordes de procura e detención.


Un elevado número de gardas civís das Comandancias da Coruña, Lugo e do GRS (Grupo Rural de Seguridade) de Pontevedra, participaron neste operativo que permitiu a detención dos investigados e a recuperación de numeroso material incriminatorio procedente dos roubos. Na madrugada do día 27 de xullo realizáronse simultaneamente oito rexistros en vivendas en diversas localidades das provincias da Coruña e Lugo. En Santiago e Betanzos levaron a cabo dous rexistros, en Melide (A Coruña) os axentes entraron en dúas vivendas e en Lugo realizáronse outros catro rexistros en vivendas e no poboado de chabolas de O Carqueixo, onde se interviñeron dúas escopetas presuntamente substraídas na Coruña cos números de serie borrados.

Roubo de vehículos

Os detidos actuaban coordinados en grupo, normalmente desprazábanse en varios vehículos para detectar a presenza das patrullas de policía. Para non ser identificados, no lugar dos feitos, substraían vehículos que empregaban tanto para acceder ao lugar onde cometían os roubos como para darse á fuga sen temor a ser identificados. Cando eran detectados polas patrullas policiais, non dubidaban en fuxir a gran velocidade poñendo o perigo a seguridade do resto de condutores, por cuxo motivo tamén se lles imputan diversos delitos contra a seguridade do tráfico. Noutras ocasións, cando eran sorprendidos participando nos roubos cos vehículos da súa propiedade, presentaban denuncias de roubo nos cuarteis da Garda Civil simulando que llo susbtraeran, polo que tamén se lles imputan varios delitos de denuncia falsa e simulación de delito.


O seu principal obxectivo

O obxectivo preferido da banda eran os roubos en naves industriais e almacéns de material eléctrico, onde substraían as bobinas de cable de cobre debido ao prezo tan elevado deste tipo de material no mercado. Os detidos preparaban o cobre para a súa venda retirando a goma e o plástico da cuberta, para iso empregaban dúas máquinas industriais de pelar cable, as cales foron localizadas nos rexistros domiciliarios.


Os investigados substraían camións ou furgóns que empregaban para o transporte do material roubado. Mesmo nalgunhas ocasións chegaron a roubar simultaneamente camións para o transporte das pesadas bobinas de cable e turismos que utilizaban como lanzadeiras que lles permitían detectar a presenza policial na estrada antes de que pasase polo lugar o vehículo que portaba o material roubado. Eeste foi o método que utilizaron os detidos nun roubo de bobinas de cobre, valoradas en máis de 40.000 euros, perpetrado nun almacén de material eléctrico no termo municipal de Ordes (A Coruña).

Lugares nos que cometían os roubos

Os detidos cometeron roubos en toda a comunidade autónoma de Galicia, principalmente nas provincias da Coruña e Lugo. Roubaron en naves e almacéns, en establecementos comerciais de maquinaria e ferramentas, en canteiras, en segundas vivendas situadas en zonas illadas, en talleres mecánicos, etc. Ademais, susbtraeron un número importante de vehículos que utilizaban para cometer os roubos, principalmente dunha marca, un modelo no que se especializaron para vulnerar sistema de seguridade do acceso.


Os investigadores interviñeron nas vivendas numerosos efectos procedentes dos roubos: televisores, maquinaria, ferramentas, equipos de son, armas de fogo, pistolas simuladas, pneumáticos, cable de cobre, etc. O material intervido é só unha pequena mostra da gran cantidade de efectos substraídos, xa que os investigados procuraban desfacerse da maior parte do material nas horas seguintes á subtracción. Os roubos eran cometidos pola noite trasladando de inmediato os efectos ata o poboado de chabolas de O Carqueixo en Lugo, onde o ocultaban. Unhas horas máis tarde, outros compoñentes do grupo encargábanse de transportalo e vendelo por centos de quilómetros, fóra da provincia ou mesmo noutras comunidades autónomas, empregando para o traslado vehículos furgón de empresas de alugueiro, o que lles permitía dificultar que as forzas e corpos de seguridade puidesen detectalos.


Novas detencións

A investigación levouse a cabo baixo a dirección do xulgado de instrución número 2 da localidade de Ordes (A Coruña), estando prevista novas detencións ao longo da semana. Un dos detidos, ingresou en prisión e o resto dos investigados quedaron en liberdade coa obrigación de presentarse periodicamente no xulgado.


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou hoxe as instalacións do Cuartel da Garda Civil de Santiago onde se atopa almacenado parte do material intervido na operación Salvamorel. Rivas felicitou a todos os efectivos implicados tanto na investigación como no esclarecemento desta operación e puxo en valor, unha vez máis o traballo que realizan día a día as Forzas e Corpos de Seguridade.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page