top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A Garda Civil detén a dúas persoas en Lalín por un delito contra a saúde pública

Foron comisadas 703 plantas de cánnabis con sumidades e 200 kg de cogollos desecados


Ecos da Comarca/Lalín

Foto de Hoxe. Autor: Garda Civil

A Garda Civil de Lalín detén a dúas persoas e investiga a unha empresa por un suposto delito contra a saúde pública, por cultivo e tráfico de estupefacientes, intervindo máis de 200 quilogramos de cogollos desecados listos para a súa distribución, así como 703 plantas de cánnabis en proceso de secado, cunha valoración de mercado de 500.000 euros.


Todo iso intervido tras un rexistro practicado nun inmoble, antigo hotel situado na localidade de Lalín.


Á súa vez localízase unha segunda infraestrutura no interior dunha nave destinada no seu día para a cría de aves, no municipio de Silleda, con todos os elementos indispensables para o cultivo de cánnabis, incluídas cabinas portátiles de cultivo, extractores, deshumidificadores, control de temperatura e sistema de vixilancia.


Na investigación participaron axentes dos postos da garda civil de Lalín e Vila de Cruces e a patrulla do SEPRONA da compañía de Lalín.


O inicio da investigación ten orixe na comprobación dun cultivo de cánnabis por parte dunha empresa e intercámbiase información coa Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e o Servizo de Explotacións Agrarias encargados da administración de documentación e permisos.


Publicidade

A operación dirixida pola xuíz decana do xulgado de primeira instancia e instrución de Lalín, determinou a existencia de dúas empresas cuxa “actividade legal” sería o cultivo de cáñamo industrial, como tapadeira para a obtención e posterior distribución das partes de planta consideradas estupefacientes, os cogollos xa secos, facendo valer documentación fraudulenta acerca da existencia de supostas sementes certificadas pola Unión Europea.


As plantas xa xerminadas para a recolección das flores do cánnabis, escapaban aos controis comunitarios e da Consellería do Medio Rural.


O modus operandi; consistente no cultivo, secado, transporte, procesado e distribución de cánnabis e os seus derivados; levaba a cabo desde as localidades de Silleda e Lalín, onde era distribuída a nivel nacional a través de envíos por paquetería.


O administrador da empresa convencera ás veciñas testemuñas da actividade que o cultivo das plantas era unha actividade legal, que levaba a cabo con fins medicinais.


Publicidade

Coa explotación da operación, realízase un rexistro, intervindo 703 plantas en proceso de secado e ao redor de 200 kg de cogollos almacenados, material eléctrico de cultivo, envasadoras ao baleiro, descogolladora eléctrica, outro tipo de substancias supostamente estupefacientes importadas de países da unión europea e países extracomunitarios, envases, deshumidificadores, ventiladores, extractores con caixas insonorizadas, carpas de cultivo, redes de secado de cogollos suspendidas para interior, sistema de rega, básculas de precisión, máquinas de termo selado ao baleiro, máquina envasadora ao baleiro, tubos do sistema de ventilación, ademais de contar con placas fotovoltaicas para asistencia externa ao consumo elevado de electricidade e un almacén de secado.


0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page