A Garda Civil detén a dúas empresarias dunha gasolineira de Deza acusadas de estafa
Trátase dunha presunta estafa continuada a una empresa proveedora de servicios de pagos a crédito//O montante do fraude ascende a 525.020 euros e atribúeselles tamén os delitos de falsedade documental e pertenza a grupo criminal
Ecos da Comarca/Deza
A Garda Civil detivo a dúas veciñas do municipio de Poio (Pontevedra) como principais responsables dun armazón criminal ao que se lle atribúe estafar algo máis de 525.000 euros a unha empresa provedora de servizos de pagos, a través da que financiaban as vendas a crédito dunha gasolineira situada na comarca de Deza. As investigacións iniciáronse a principios deste ano pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial (Grupo de Delitos contra o Patrimonio), da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, por mor dunha denuncia presentada pola empresa financeira no Xulgado de garda de Lalín, informando dun presunto delito de estafa por parte da gasolineira.

Segundo despréndese das investigacións realizadas, a estación de servizo de Deza tiña asinado un contrato de financiamento de crédito cunha empresa provedora de servizos de pagos para xestionar a venda a crédito do gasóleo tipo “A” a distintas empresas “pantalla” que, a pesar de que nalgúns casos podían estar inscritas no Rexistro Mercantil, en realidade eran ficticias. Desta forma e mediante a análise das facturas e demais documentación examinada, púidose constatar que solicitaran créditos para avalar as falsas vendas de gasóleo, polo menos a tres destas empresas, que as situaban ficticiamente nas provincias de Pontevedra, León e Madrid. O montante da cantidade estafada ascende a 525.020 euros.
Operación Nazarín Froito das investigacións realizadas no marco da que se denominou operación “Nazarín”, procedeuse á detención destas dúas persoas, que teñen o seu domicilio habitual no municipio de Poio (Pontevedra), como presuntas autoras dos delitos de estafa continuada e falsidade documental, coas agravantes estimadas de reincidencia, cantidade defraudada e credibilidade comercial. Efectuáronse senllos rexistros, tanto no domicilio que compartían as detidas en Poio, como na estación de servizo e interviñéronse: 6.000 euros e 500 dólares en metálico, varios aparellos informáticos, teléfonos móbiles e documentación relacionada coa operativa comercial, ademais de dous vehículos.
Atribúeselles tamén un delito de pertenza a grupo criminal que estaba integrado por outro veciño da Estrada que foi investigado penalmente e outros dous cidadáns de nacionalidades romanesa e arxentina, que tiñan o seu último domicilio coñecido en Madrid e actualmente en paradoiro descoñecido.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución nº 2 de Lalín, que decretou o ingreso en prisión dunha das detidas como principal responsable do grupo.