A Garda Civil desarticula un grupo criminal tras o roubo no Pino dun vehículo de alta gama
- ecosdacomarca

- 26 mar
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/O Pino
A Garda Civil, a través do Grupo de Delitos contra o Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Coruña , desarticulou unha rede delituosa especializada no roubo de vehículos de gran cilindrada. A operación permitiu a detención e investigación de seis individuos pola subtracción dun turismo de alta gama na localidade do Pino.

A investigación iniciouse tras a denuncia polo roubo dun vehículo superdeportivo durante a madrugada do pasado mes de xuño no citado municipio. Os autores utilizaron unha chave orixinal, obtida a través dun anterior propietario, para retirar o vehículo sen forzar os sistemas de seguridade mentres se atopaba estacionado na vía pública, facilitando así o seu traslado inmediato cara a unha zona segura para a súa manipulación.
Tras a subtracción, o turismo foi trasladado a unha zona illada do concello de Negreira, onde os implicados realizaron un proceso de modificación técnica para evitar a súa detección. As tarefas consistiron na retirada de elementos aerodinámicos, a eliminación de láminas de vinilo para recuperar a cor orixinal da carrocería e a substitución das placas de matrícula polas doutro vehículo da mesma marca e modelo. Así mesmo, procedeuse á manipulación do número de bastidor mediante a técnica do troquelado.
Publicidade
A continuación, exactamente dous días despois do roubo, o vehículo foi trasladado desde Santiago de Compostela ata a Comunidade Valenciana. Finalmente foi localizado e recuperado na illa de Ibiza o pasado mes de agosto, tras percorrer diferentes puntos da xeografía nacional durante a fase de ocultación. Xunto ao líder do grupo, un home de 29 anos residente en Oroso, procedeuse contra outras cinco persoas pola súa participación activa nas fases de roubo, modificación e traslado.
PUBLICIDADE
Impútanse presuntos delitos de roubo de uso de vehículo de motor, falsificación de documento público e pertenza a grupo criminal, quedando as actuacións ao dispor da Sección Única do Tribunal de Instancia de Arzúa.
NOTICIA RELACIONADA:
Coche roubado no Pino: https://www.ecosdacomarca.com/post/coche-roubado-no-pino








Comentarios