Hai máis de 250 vítimas coas que mantiveron contactos ameazantes
Ecos da Comarca/Xeral
A Garda Civil de Cantabria, na denominada operación “ACRODABAE”, contra a sextorsión, desarticulou un grupo criminal procedendo á detención de tres homes como presuntos autores das ciberestafas. Tamén se realizou unha cuarta detención, dun home considerado suposto colaborador necesario, por ser a persoa que facilitaba aos anteriores, múltiples tarxetas de telefonía móbil a nome de terceiras persoas.
O método utilizado polos ciberdelincuentes era a inserción en webs de contactos, anuncios de índole sexual utilizando imaxes de mulleres obtidas de diferentes redes sociais, para posteriormente, mandar mensaxes ás persoas que fixeran usos desas páxinas, chantaxeándoas economicamente para non revelar a súa identidade, utilizando ameazas contra a súa integridade física.
A investigación puxo ao descuberto máis de 250 vítimas coas que mantiveron conversacións ameazantes, esclarecéndose polo momento casos denunciados en localidades de Cantabria, Murcia, Cádiz, Jaén, Granada, Asturias e A Coruña.

O Equipo de Investigación Tecnolóxica (EDITE) da Garda Civil de Cantabria, comezou no ano 2023, unha investigación pola denuncia dunha persoa que estaba a recibir graves ameazas tras acceder a unha páxina de contactos, habendo pagado máis de 5.000 euros aos ciberdelincuentes, e aínda así continuaban as peticións de diñeiro.
Os investigadores atoparon diferentes similitudes nestas ameazas, con outras que se estaban producindo por diferentes puntos da xeografía nacional, con idénticos propósitos e motivos, que facían sospeitar que eran realizadas polas mesmas persoas. Nestas ameazas, os delincuentes facíanse pasar por perigosos proxenetas, amedrentando ás vítimas con mandarlles sicarios, e que se personaría nos seus domicilios “varios dos seus mellores homes para resolver o problema”, acusándolles de molestar ás mulleres que traballan para eles, facéndolles perder moito diñeiro.
Ademais, utilizaban palabras ou expresións para simular ser orixinarios de países de Europa do Leste, como “dabay” ou “acrodabae”. Tamén lles ameazaban con que coñecían os posicionamentos dos seus teléfonos, circunstancia que non era real, pero desta forma aumentaban a sensación de medo nas vítimas. Ademais de dar instrucións para o pago de importantes cantidades de diñeiro, avisábanlles das repercusións que poderían sufrir por non pagar ou por denunciar os feitos.
Análise tecnolóxica
Os efectivos do EDITE, tras realizar diferentes análises tecnolóxicas, puideron determinar, que tanto quen mandaba as mensaxes ameazantes, como quen se apoderaba do diñeiro, atopábanse en Valencia. Os investigadores pescudaron a vivenda desde onde se realizaban estas actividades, situada na localidade de Picanya, e que adquirían as tarxetas telefónicas a nome de terceiras persoas, moitas delas ficticias, nun locutorio próximo.
En datas recentes procedeuse á explotación da operación, onde ademais de deter aos supostos autores das estafas, tres homes de 26, 27 e 36 anos, e ao colaborador de 34 anos de idade, practicáronse rexistros na vivenda e locutorio anteriormente apuntados.
Interviñéronse, entre outros efectos,10 dispositivos de telefonía móbil, atopando nalgúns dos teléfonos centos de imaxes de mulleres novas, conseguidas de diferentes redes sociais, para ser utilizadas na creación de anuncios de contactos sexuais.
Nun dos terminais intervidos, púidose comprobar que, no prazo de dous meses, chegáronse a utilizar ata 106 tarxetas de teléfonos diferentes con titularidades falsas, situación que dificultaba as investigacións. Nunha das contas bancarias utilizadas, igualmente a nome dun terceiro, contaba con máis de 23.000 euros, cantidades estafadas a diferentes persoas que na súa maioría non denunciaran. Dos casos ata a data esclarecidos, calcúlase en máis de 18.000 euros o diñeiro estafado.
Esta operación é dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de San Vicente de la Barquera, e desenvolvida pola Garda Civil de Cantabria coa colaboración da de Valencia.
Comments