top of page
Foto del escritorLaura Moure

A gala dos premios Mestre Mateo celebrarase o 15 de marzo de 2025 no Lalín Arena

O presidente da Deputación de Pontevedra destaca que por primeira vez en 23 anos de historia os máis importantes premios do audiovisual galego celebraranse no rural


Laura Moure/Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este luns que a cerimonia dos Premios Mestre Mateo, o maior recoñecemento do audiovisual galego, celebrarase o vindeiro 15 de marzo do 2025 en Lalín. Será a primeira vez, nos vinte dous anos de historia destes galardóns, que se entregan na provincia de Pontevedra. Unha decisión, promovida polo goberno provincial, que ten como obxectivo principal promover a “descentralización” das grandes citas e seguir espallando a cultura por toda a provincia.


“O mellor do noso audiovisual tamén debe chegar a todos os recunchos do territorio”, defendeu Luis López, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela; polo alcalde de Lalín, Jose Crespo; e polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Becerra, á hora de anunciar a sede da edición número vinte tres dos Mestre Mateo.

A cerimonia, que celebrou a súa edición do presente ano 2024 na cidade da Coruña e terá lugar o vindeiro ano por primeira vez fóra da contorna das grandes cidades de Galicia, terá lugar o vindeiro 15 de marzo do no Lalín Arena. O anuncio da sede desta vixésimo terceira edición dos premios coincide coa apertura do prazo de presentación de candidaturas ás distintas categorías que se premian cada ano nos Mestre Mateo, os galardóns máis antigos de todas as comunidades autónomas de España.


Despois de poñer en valor o audiovisual galego como unha potencia para crear unha “identidade visual” e unha “industria capaz de xerar riqueza e emprego”, Luis López quixo salientar que “descentralizar os Mestre Mateo non é afastalos de ningures. Todo o contrario. É achegalos a unha realidade que nos ten contado o audiovisual e que merece agora do máximo compromiso posible”. Neste sentido, o mandatario provincial afondou en que acoller esta gala no rural dá resposta a tres cuestións: “Por que a cultura non pode ser un instrumento para afrontar o reto demográfico?, por que cando nos referimos á cohesión territorial só falamos de infraestruturas ou atención social, pero non de presenza cultural? E por que as obras audiovisuais se achegan con tanto éxito ao rural, por exemplo ‘O Corno’ ou ‘As Bestas’, pero os premios sempre se celebran no urbano?”.


Publicidade

A proposta da Deputación de levar os Mestre Mateo ao rural atopou na Academia e no Concello de Lalín aos mellores aliados. Unha iniciativa que responde a dúas apostas. A primeira é reafirmar o apoio da Deputación á cultura e ao audiovisual, como vén facendo con programas como o “Rías Baixas Acción”, o apoio á organización dos festivais audiovisuais, a colaboración con proxectos cinematográficos ou o esforzo para recuperar un emblema cultural como o Cine Fraga. E a segunda pasa por descentralizar os grandes eventos, algo no que Lalín é un bo exemplo ao acoller recentemente un partido da Selección Española de balonmán ou ser escenario agora do International Six Days Enduro, as coñecidas como as olimpíadas desta disciplina do motociclismo.


“A Deputación volve estar ao carón da capital do Deza cos Mestre Mateo”, rematou o presidente Luis López amosando a súa satisfacción por poder desfrutar, na provincia de Pontevedra, dunha “superprodución” que “máis ca un final feliz, terá final en Lalín”.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page