"A fusión de concellos que propón o PP é só unha cortina de fume", sinala o BNG de Deza/Tabeirós
- ecosdacomarca
- 2 oct 2024
- 3 Min. de lectura
Reclama un novo sistema de financiamento municipal que "sexa xusto, equitativo e suficiente e que se potencie e apoie a comarcalización"
Ecos da Comarca/Deza
O BNG de Deza/Tabeirós considera que a fórmula de fusión de concellos que propón e promove o PP "é só unha cortina de fume e non vai á raíz da grave situación que viven moitos concellos galegos derivados da asunción de competencias impropias da administración local". Ante isto, reclama un novo sistema de financiamento municipal que "sexa xusto, equitativo e suficiente, que se potencie e apoie a comarcalización e que se promovan as mancomunidades de servizos e equipamentos".
Lembra que a Xunta encargou a un equipo das tres universidades galegas un estudo titulado A planta local galega: impulso dos procesos de fusión municipal. Este estudo contén a xeito de exemplo e co obxecto de incentivar os procesos de agrupación ou agregación municipal, algunhas propostas de fusión entre concellos entre as que se atopan na comarca dúas alternativas: unha, a fusión de Lalín, Dozón e Agolada e outra para conformar un único concello na comarca de Deza.

O BNG non está en contra de posibles fusións de concellos, "sempre que haxa unha opinión cidadá unánime nas poboacións dos concellos implicados, mais queremos pór o foco en que a fórmula que propón e promove o PP trata de orientar o debate sobre a sostibilidade municipal cara un problema exclusivamente de número e tamaño dos concellos galegos cando o problema é o financiamento e as competencias impropias que teñen que exercer. As fusións foron enfocadas polo PP como a solución para mellorar a cobertura financeira e de servizos dos concellos. O remedio non está na fusión, de feito os concellos que se teñen fusionado e que levaron cartos do Fondo de Compensación Local, non son nin moito menos exemplos nin de evolución demográfica nin de sostibilidade financeira".
Ademais, apunta que a situación de exceso de concellos e da existencia de concellos moi pouco poboados é moitísimo máis aguda fóra da Galiza. "Así, fronte aos máis de 8.000 que existen no estado, en Galiza hai 313. Na Galiza hai un 8% de concellos (25) que teñen menos de 1.000 habitantes ( ningún na nosa comarca), porcentaxe que sobe ao 60% (4.862) no conxunto do Estado; no Estado hai 1.220 concellos con menos de 100 habitantes, mentres na Galiza non hai ningún concello. No período no que na Galiza se fusionaban Oza e Cesuras e Cerdedo e Cotobade, no resto do estado constituíronse sete novos concellos, o maior de 2.519 habitantes e o menor de 500".
"Ao noso entender, o debate sobre as fusións é un divertimento que nos afasta do esencial: mentres discutimos se fusionarnos ou non, non abordamos o principal problema o financiamento dos concellos. Tamén resulta chamativo que no estudo mencionado non se faga mención algunha á organización provincial e á irracionalidade da mesma, así como o papel das deputacións na distorsión do financiamento local".
Publicidade
O BNG propón a comarcalización do territorio co obxectivo da prestación de servizos e a planificación do territorio, a nivel comarcal. "Creando economías de escala e planificando con racionalidade os equipamentos, servizos e usos do solo, etc. Nese sentido sempre apostamos pola prestación conxunta de servizos mediante mancomunidades que funcionen como tales porque a existente na comarca do Deza xa ten demostrada a súa inutilidade".
"A Xunta segue sen querer abordar e aprobar un novo sistema de financiamento dos concellos, e segue sen financiar integramente os servizos que son da súa propia competencia e que prestan os concellos por delegación, como o SAF ou o mantemento
dos colexios. Favorecendo economicamente os concellos gobernados polo PP mediante convenios ou axudas sen concorrencia competitiva. Reclamamos un novo sistema de financiamento municipal que sexa xusto e suficiente, que se potencie e apoie a comarcalización, que se promovan as mancomunidades de servizos e equipamentos e a institucionalización de áreas funcionais urbanas".
Comments