Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Fundación Semana Verde logra en 2021 as súas mellores cifras e acada o maior beneficio dende 2009

Os procesos selectivos tiveron un peso determinante na actividade deste ano, sendo esenciais para acadar a celebración de 27 eventos maiores


Laura Moure/Silleda

A Fundación Semana Verde de Galicia celebrou este mércores a reunión anual do seu Padroado, a cal contemplou tanto a participación presencial como telemática dos seus patróns. Neste encontro aprobáronse as contas do ano 2020, o cal estivo fortemente marcado polas consecuencias económicas da pandemia da Covid-19. A pesar da imposibilidade de desenvolver as citas máis destacadas dese ano e ter xa acometido gastos operativos para a súa comercialización e xestión, finalmente o déficit económico non superou os 162.982 euros.

Así mesmo, fíxose un balance provisional deste 2021, un exercicio no que aínda que a Covid-19 volveu dificultar os primeiros meses do ano, prevese que se peche cun beneficio financeiro de 850.000 euros, o maior da entidade dende 2009. Un superávit acadado polo arranque da actividade da Fundación tras a pandemia, que estivo moi centrada na celebración de procesos selectivos, pero que tamén contemplou outros eventos importantes, como unha edición especial da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o evento ecuestre Equina, dous salón de motor, a party informática XGN R Encounter ou concursos de beleza canina.


Actividades realizadas

A suma de todas estas citas supuxo que a Fundación celebrase o seu maior número de eventos maiores nun ano, cun total de 27, dos cales 19 foron procesos selectivos. Engádense 20 eventos menores e as 51 sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, das cales falta celebrar a última o vindeiro martes. Respecto á poxa de gando, os seus datos reflicten unha importante recuperación na asistencia de animais, aínda que non ata cifras de 2019, e un aumento nas transaccións que si superan ás de fai dous anos.


Tamén son destacables as mellores levadas a cabo este ano para optimizar os resultados dos usuarios e garantir maior calidade e benestar das reses, como a incorporación dun seguro de vida para os animais de todas as categorías e da transferencia como único método de pago para evitar tanto frecuentes perdas de cheques por parte dos gandeiros como o cobro de comisións cando ingresan o cheque noutra entidade distinta á que opera coa Central.


Este ano seguiuse a traballar na aplicación informática implantada en 2020 para ampliar as súas utilidades e que en 2022 se podan crear contas personalizadas nas que os vendedores reciban documentación de interese nos seus móbiles. En canto ao benestar animal, houbo diversas melloras, como o incremento da calidade das “camas” das reses.

Na reunión analizouse ademais o orzamento previsto para 2022, elaborado con expectativas reais de celebración dos eventos que recuperan datas tras ser adiados pola covid-19, pero tamén dende a cautela que esixe a incerteza en canto á evolución das feiras tras a pandemia e a recuperación económica dos sectores profesionais vinculados á actividade da Fundación. Será de 3 millóns de euros.


Vicepresidenta do Padroado

Por outra banda, no transcurso da reunión, aprobouse a designación, como vicepresidenta, da persoa titular da secretaría xeral técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta, coa finalidade de dar normalidade a este órgano naqueles casos nos que non poda participar o presidente do mesmo, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

91 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE