top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Fundación Roberto Rivas promove un encontro co escritor Manuel Vilas o día 3 de xullo en Silleda

Esta acción cultural, que leva por nome Conexións Culturais en Sestelo, será no pazo deste lugar e hai prazas limitadas


Laura Moure/Silleda

A Fundación Roberto Rivas iniciará o próximo 3 de xullo unha acción cultural que, baixo o nome de Conexións Culturais en Sestelo, pretende ser un impulso para a dinamización do mundo rural. Esta actividade estrearase cunha xornada que se desenvolverá no Pazo de Sestelo (Silleda) e na que participará o escritor Manuel Vilas, autor das novelas Ordesa e Roma e finalista do Premio Planeta 2019.


A Fundación Roberto Rivas impulsa Conexións Culturais en Sestelo co obxectivo de promover a dinamización cultural no rural de Galicia, demostrando que este espazo pode ser tamén centro de emprendemento e de accións innovadoras ao redor de temas de actualidade. Xerar oferta de calidade nunha contorna rural e impulsar a conexión entre o mundo rural e o mundo urbano son dous dos obxectivos principais fixados pola Fundación, que espera que este sexa o primeiro de moitos encontros por celebrar.

O Pazo de Sestelo.

Autor: Pazo de Sestelo web.


Os participantes poderán gozar dun encontro de calidade co autor, compartindo reflexións acerca das súas obras e sobre a produción literaria en xeral. Ademais, ao tratarse dun evento con aforo reducido (só ofértanse 16 prazas) garantirase un encontro dinámico no que os asistentes poderán participar de maneira activa. Para máis información e inscricións é necesario contactar a través de teléfono ou mail: 669 212 031 / info@fundacionrobertorivas.org


Programa

Conexións Culturais poñerá o foco na literatura e a escritura, pero tamén no mundo rural. Por iso os participantes terán a oportunidade de coñecer a contorna próxima no que se asenta o Pazo de Sestelo, sede da Fundación Roberto Rivas, e tamén algún dos espazos máis significativos do municipio ao que pertence: Silleda.


Deste xeito, preténdese poñer en valor un espazo rural como é Silleda, rico en patrimonio cultural, artístico e natural. O encontro da xornada comezará ás 12:00 horas cunha visita guiada ao Mosteiro de Carboeiro, cortesía do Concello de Silleda. Tras esta visita os participantes terán tempo para comer de maneira libre.


O evento retomarase ás 16:00 horas cunha visita guiada ao Pazo de Sestelo e arredores. O encontro co escritor Manuel Vilas dará comezo ás 18:00 horas e prolongarase ata as 20:00 horas, nas propias dependencias do Pazo de Sestelo. Esta primeira xornada de Conexións Culturais en Sestelo pecharase cunha cea informal ao aire libre que se servirá no xardín do pazo, que dará comezo xusto despois do encontro co autor.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page