Entre abril e outubro axúdalles a reforzar as áreas nas que se identifiquen maiores carencias ou oportunidades de mellora
Laura Moure/Silleda
RR_ dMentoring é un programa impulsado pola Fundación Roberto Rivas, que ten a súa sede en Silleda, para acompañar de maneira individualizada, en liña, e a demanda, a 12 persoas emprendedoras de Galicia entre abril e outubro, axudándolles a reforzar as áreas nas que se identifiquen maiores carencias ou oportunidades de mellora. Para cada emprendedor ofrece oito sesións individuais, que se complementarán cunha sesión inicial de diagnóstico, unha sesión de peche e seis masterclass abertas. En total aporta 20 horas de formación.
"O propósito do programa é contribuír ao desenvolvemento de emprendemento no ámbito rural galego, sempre desde a perspectiva do triplo balance: viabilidade económica do proxecto; creación de prosperidade social e coidado das persoas; e deseño dentro dos límites ecolóxicos", explica a fundación.
Conceptualización do programa
Trátase dun programa a demanda tanto en tempo (as persoas emprendedoras poden solicitar o seu inicio en calquera momento), como en forma (traballarase con cada persoa os aspectos nos que poida haber maiores oportunidades de mellora, encargándose de cada un destes aspectos un especialista na materia).
Por iso, coa información da inscrición e coa entrevista mantida na sesión inicial propoñerase un programa individualizado e personalizado no que se poidan traballar entre dous e catro temas. "Esta proposta de programa será flexible e poderá variar ao longo das sesións, pero servirá de referencia inicial. A cada persoa mentorizada asignaráselle inicialmente un mentor guía que será a súa referencia ao longo do programa", puntualiza.
Definíronse cinco grandes áreas de traballo con mentores especializados:
• Persoas: desenvolvemento de habilidades para o emprendemento, intelixencia emocional, propósito para emprender, coherencia cos valores, traballo en equipo.
• Deseño do modelo de negocio: conceptualización da proposta de valor e encaixe dos distintos apartados do modelo; filosofía lean start- up para expor hipótese, deseñar experimentos para prototipar, e retroalimentar co ciclo con aprendizaxes; encaixe do modelo de negocio para crear prosperidade social e rexeneración ecolóxica.
• Viabilidade financeira: monetización da idea e cuantificación de custos; conceptos básicos financeiros; punto de equilibrio; marxe de contribución do produto; estado financeiros previsionales.
• Marketing: investigación da competencia, estratexia de posicionamento, estratexia de prezo
• Comunicación: elaboración de narrativa, canles de comunicación, branding, páxina web, estratexia de redes sociais, conceptos SÉ.
Participantes da anterior acción formativa que levaba por nome RR_dTerritorio.
Comentarios