top of page

A Fundación Pública Artesanía de Galicia apraza a 2022 o ‘Corazón de Artesanía’ de Agolada

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A xerente desta fundación, Elena Fabeiro, confirmoulle hoxe ao alcalde esta decisión debido á pandemia, tras manter varias reunións telefónicas nos últimos meses


Laura Moure/Agolada

A Fundación Pública Artesanía de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, trasladoulle este mércores ao alcalde de Agolada, Luis Calvo, a súa decisión de pospoñer ao vindeiro ano a celebración do evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia debido á situación de pandemia.


O mandatario agoladés e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, mantiveron varias reunións telefónicas ao longo dos últimos meses para ir vendo que pasaría este ano con este evento a consecuencia da Covid-19. Hoxe de novo Calvo púxose en contacto con Fabeiro e a través da conversa telefónica comunicoulle que decidiron non celebrar o Corazón da Artesanía neste 2021. Cabe mencionar que este evento se puxo en marcha no 2012 e que se celebrou ata o 2019, e sempre no mes de xullo, porque en 2020, debido á pandemia, tampouco se puido levar a cabo.

Unha artesá nunha das edicións do Corazón da Artesanía en Agolada.

Autor: Xunta de Galicia.


Dende a Fundación Pública Artesanía de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, organizadores desta cita sinalan que “estamos convencidos de que, a pesar de que o corazón da artesanía galega latexa afortunadamente en múltiples recunchos da nosa xeografía, existe un lugar que nos traslada no tempo á propia esencia da nosa artesanía, e ese lugar é o recinto dos Pendellos de Agolada”. Pero consideran que este ano o mellor é non celebrala. “Desafortunadamente, o atractivo e a singularidade urbanística dos Pendellos, con espazo moitos deles reducidos que o configuran como o lugar idóneo para volver ao espírito das antigas feiras e atraer a presenza de milleiros de visitantes, fan que nos vexamos na obrigatoriedade nas actuais circunstancias de pospoñer ao vindeiro ano a celebración dunha nova edición deste evento”, indica Fabeiro.

O equipo de goberno de Agolada intentou buscar algunha alternativa para celebrar esta mostra dalgún modo, incluso, lle propuxo ampliar os días do evento para así conseguir que a xente non se concentrase toda durante a fin de semana sobre todo, pero son conscientes de que a decisión tomada é consensuada e que ten como principal obxectivo tratar de evitar que a pandemia se propague. “E o primeiro é a saúde”, considera o mandatario. Sen embargo, Fabeiro e Calvo abordaron que se nun caso, a situación mellorase en xeral, habería a posibilidade de facer nuns meses un evento máis reducido, aínda que fose só dirixido á poboación do municipio, porque neste momento, este concello está libre de coronavirus.


Mentres, o Corazón da Artesanía deberá agardar. “Traballaremos para que en 2022 podamos converter de novo os Pendellos de Agolada nun encontro da tradición e a vangarda, con artesanía en vivo, música e baile en directo, obradoiros, exposicións e actividades para nenos e para as que tan boa acollida recibimos sempre por parte do Concello de Agolada e a súa xente”, recalca Fabeiro.


Mostra de artesanía de agosto

Pola súa parte, o equipo de goberno agoladés xa estuda a posibilidade de poder celebrar dalgunha maneira a que sería a XXIV Mostra de Artesanía do mes de agosto, organizada polo Concello, e que o verán pasado tampouco se puido facer polo coronavirus. Aínda que son conscientes de que non poderá realizarse como en edicións pasadas, con tres días cheos de artesanía e de distintas actividades pensadas para todas as idades, si planea organizar algunha iniciativa que faga referencia a esta cita tan importante para a localidade, que cada ano serve para atraer a un número relevante de visitantes.




0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page