A Fundación Juana de Vega concede unha mención especial á Fraga do Alén, de Lalín
- Laura Moure

- 1 nov 2025
- 2 min de lectura
Esta entidade entregou este venres na súa sede o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025, nas que se inclúen esta distinción lalinense
Laura Moure/Lalín
A Fundación Juana de Vega entregou este venres na súa sede o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025, na categoría “Espazos exteriores” que busca poñer en valor aqueles proxectos que melloran a calidade paisaxística do territorio. O premio recaeu no proxecto de Mellora e integración paisaxística d a “Entrada do Camiño de Santiago en Compostela. Nodo de Concheiros - Avenida de Lugo” firmado por Eduardo Cruz e promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia. Os dous accésits foron para o proxecto “Espazo Rosalía de Mera” (Oleiros, A Coruña), compartido por Orza Paisajismo, Trébore Jardinería e Grupo Naturalista Hábitat, e para o “Xardín de polinizadores Fernando Fueyo” que a Asociación Corripa creou en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz, Lugo). O xurado tamén decidiu recoñecer con tres mencións especiais os proxectos “Fraga do Alén, ampliación do Cemiterio Municipal da Romea” (Lalín, Pontevedra); ao “Proxecto paisaxístico de recuperación ecosocial no patio escolar do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé” (As Neves, Pontevedra) e a“Humanización San Pedro de Leirado” (Quintela de Leirado, Ourense).

O premiado recibirá 6.000€ e cada un dos accésits, 1.500€. As mencións especiais reciben un diploma. Promovido pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe busca recoñecer e poñer en valor aquelas intervencións que transforman o territorio dun xeito sostible, con respecto e beleza, contribuíndo a enriquecer o noso patrimonio. As obras premiadas son intervencións que melloran a calidade da paisaxe e inspiran novas maneiras de convivir co entorno.
Nesta edición de 2025, recibíronse 25 candidaturas localizadas en toda Galicia “de gran calidade” que, como recoñeceu Pedro Calaza, director da Área de Paisaxe e Territorio da Fundación Juana de Vega, “fixeron moi difícil o labor de decisión do xurado”. Pola súa banda, e en relación aos galardoados, Enrique Sáez, presidente da entidade, destacous que con este premio: “desde hai xa máis de vinte anos, queremos crear referencias onde non as hai”.
Publicidade
No caso da Fraga do Alén, ampliación do Cemiterio Municipal da Romea, o xurado decidiu
recoñecer cunha mención especial este proxecto promovido polo Concello de Lalín (Pontevedra), e financiado a través do plan REACPON da Deputación de Pontevedra, pola
singularidade, aposta e delicadeza na ampliación e transformación dun camposanto tradicional. Un exemplo positivo, especificaron, de como se pode ampliar o uso social e integrar ambientalmente un espazo cun uso moi específico coma este. “A Fraga do Alén disolve os límites do cemiterio, mesturando arquitectura e bosque, creando unha paisaxe onde memoria, natureza e vida se xuntan”, sinalaron.
Publicidade
Ver aquí a composición do xurado do Premio da Paisaxe 2025. Categoría Espazos exteriores: https://juanadevega.org/premios-paisaxe/premio-juana-de-vega-de-intervencions-na-paisaxe-








Comentarios