"Conforme á lei procede a súa apertura a visita pública e dende AVA xa fixemos a solicitude ante o órgano competente da Xunta"
Laura Moure/Antas de Ulla
A Xunta de Galicia, a través da Sección de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, vén de confirmar que a Fortaleza de Amarante, situada no municipio de Antas de Ulla, ten a catalogación de Ben de Interese Cultural (BIC) en concordancia coa lexislación que lle é aplicable, non sendo necesario iniciar ningún trámite a maiores para a súa declaración efectiva como BIC, tal e como informa a Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA).
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_aacf01cc603e480491e99a48f9822ea0~mv2.png/v1/fill/w_772,h_540,al_c,q_90,enc_auto/0216be_aacf01cc603e480491e99a48f9822ea0~mv2.png)
No informe presentado pola devandita Sección de Inventario, a petición de Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA), exprésase de xeito textual: “A Fortaleza de Amarante ten a condición de ben de interese cultural. Esta condición está amparada por varios textos legais, entre eles a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, cuxas regulacións derivan do Decreto de 22 de abril de 1949, sobre protección dos castelos españois” .
"O feito de que a Fortaleza sexa Ben de Interese Cultural implica, conforme a lei, que existe a obriga de que abra a visita pública cando menos catro días ao mes durante catro horas. Dende AVA xa instamos ao trámite para que se cumpra esta obriga e estamos á espera da resolución que neste sentido adopte o órgano competente: a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural", avanza AVA.
Ademais, recalca que "o traballo que fixemos nos últimos dezaoito meses arredor do recoñecemento efectivo da Fortaleza de Amarante comeza a dar os seus froitos: a primeiros de xuño de 2020 demos os primeiros pasos neste tema que consistiron en solicitar a apertura ao público da Fortaleza diante da persoa propietaria e tamén diante do órgano competente da Xunta de Galicia. Dende aquela levamos a cabo unha serie de trámites que deron lugar ao informe do que hoxe damos conta. Entre as accións realizadas incluíronse a petición de apoio institucional ao Concello de Antas de Ulla, á Área de Turismo da Deputación de Lugo e á Área de Cultura da Deputación de Lugo". E sinala que "só obtivemos resposta da Área de Cultura da Deputación que a través da súa responsable, Maite Ferreiro, se dirixiu á Dirección Xeral de Patrimonio para apoiar a solicitude de AVA".
Commentaires