As entradas, a 18 euros, poden adquirirse en distintos puntos do municipio silledense
Laura Moure/Silleda
O sabor dos callos e a música tradicional volverán o vindeiro sábado día 20 de abril a parroquia silledense de Ansemil Martixe . A Festa dos Callos e a Foliada da Pereiriña celebran o seu noveno aniversario consolidadas xa no calendario festivo do municipio de Silleda. Os membros da Asociación Cultural e Musical Gaiteiros da Pereiriña presentaron este sábado no Centro Social da localidade esta nova edición nun acto ao que asistiron a alcaldesa, Paula Fernández Pena, a concelleira de Turismo e Cultura, Mónica González e o concelleiro de Transición Ecoloxica Manuel Requeijo.
Para a celebración da cita haberá carpa pechada e aparcadoiro gratuito. O menú estará composto por empanada, callos, pan, viño, postre e café. O prezo é de 18 euros (para nenos/as ata 12 anos custa 10 euros). As entradas para asistir poden mercarse en Martixe (Taberna de Isabel de Ubaldo); O Castro (Bar Sanse); en Silleda (no Bodegón de Esther) e tamén na Bandeira (Bar Arume , A Taberna do Músico e Mercamella). As persoas interesadas en facer reservas ou recibir máis información poden chamar aos números de teléfono 626 913655- 615 958969.O prazo para reservar entradas remata o vindeiro 18 de abril.
A cita comezará con música arredor das 13:00 horas, a cargo do Grupo de Acordeóns
da Escola de Música Municipal de Silleda, o Grupo de Gaitas tamén da EMUSI e Pau de
Buxo, de Saídres e continuará ata a noitiña. Na Foliada, a partir das 17:30 horas
actuarán o grupo anfitrión –os gaiteiros da Pereiriña- os grupos de gaitas de Xirandola, Charabiscas do Deza, a Asociación Cultural Punteirolo de Vila de Cruces e Lume na
Lareira, da Estrada. A xornada remataá coa actuación do Dúo Punto Cero.
Publicidade
“Quixemos facer da xornada un punto de encontro para os veciños da zona e ao
mesmo tempo ampliar a oferta gastronómica do municipio”, engaden dende a
organización, que agradecen o apoio tanto do Concello de Silleda e da Deputación de
Pontevedra como das distintas empresas e firmas colaboradoras.
Os membros da asociación teñen previsto preparar o seu afamado prato con 130
quilos de carne (100 quilos de pata, 10 quilos de ventre, 10 de panceta e outros 10 de
chourizo) e preto de 80 quilos de garavanzos.
Dende o Concello de Silleda a alcaldesa felicitou ao colectivo organizador “por acadar
en pouco tempo con traballo e esforzo un grande éxito ademais de “consolidar
definitivamente o sabor dos callos no amplo abano de festas gastronómicas do noso
municipio”.
Comentários