top of page

A Festa dos Botes celebra en Arzúa a súa 42ª edición do 8 ao 10 de agosto

Serán tres días de música galega, cultura e participación popular


Laura Moure/Arzúa

Do 8 ao 10 de agosto, Arzúa converterase nun punto de encontro para a música galega, a cultura popular e a participación veciñal coa celebración da 42ª edición da Festa dos Botes, organizada pola asociación Xuventude Arzuá e coa colaboración do Concello de Arzúa.


Un ano máis, esta festa propón un modelo de celebración aberto e diverso, no que tradición, lingua e cultura feita desde aquí ocupan o centro.


Música galega con variedade de estilos

Nesta edición, o programa musical aposta pola escena galega, combinando estilos e xeracións. Por Arzúa pasarán artistas como: Grande Amore, Rebeliom do Inframundo, De Ninghures, Tetas Frías, Kid Mount, Pappaquino, Señora DJ, Eme DJ, Banana Joe Pereza, Rapariga DJ, Pájara Boba, Brassica Rapa, Os Amigos da Túa Prima, Charanga BB+, MPM1312 e Trópico Grelos.

Un cartel que reflicte o bo momento e a variedade do talento creativo do país, pensado para chegar a públicos diversos sen renunciar ao compromiso e á mirada crítica.


Moito máis que concertos

A programación inclúe tamén outras propostas pensadas para todos os públicos: mercado artesanal, xogos tradicionais, actividades infantís, arte urbana, zona de foodtrucks e acampada libre e gratuíta.


E, por suposto, non faltarán os clásicos da festa: o xogo da moca, o concurso de peitadas e o Memorial Luís Veiga de lanzamento de pucheiros, actividades que combinan humor, tradición e identidade arzuá.


Un pregón con acento teatral

O pregón desta edición estará a cargo da actriz Lidia Veiga, veciña de Arzúa e recentemente recoñecida co Premio María Casares pola súa interpretación na obra Iribarne. Ademais da súa traxectoria profesional, Lidia mantén un vínculo constante co tecido cultural e social do municipio, razóns que a converten nunha pregoeira de excepción para esta 42ª edición.


Presentación institucional: o Concello, ao lado da festa

Na presentación oficial do evento, celebrada na Praza de Galiza, participaron o alcalde, Xoán Xesús Carril, a concelleira de Igualdade, Lucía López, e o concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso, quen destacaron o valor desta cita como un proxecto que resume o espírito participativo de Arzúa.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O alcalde subliñou: “A Festa dos Botes é unha mostra viva de que outro modelo de cultura e de lecer xuvenil é posíbel: unha festa organizada pola xuventude arzuá, con orgullo galego e coa vontade de que ninguén quede fóra. Este Concello sempre terá as portas abertas para apoiar propostas que axuden a darlle vida ao noso concello, que aposten pola nosa lingua e que poñan en valor o orgullo de sermos arzuáns: a nosa arzuanía.”


Espazo seguro e con perspectiva de xénero

Por segundo ano consecutivo, a Festa dos Botes contará cun Punto Lila, impulsado pola Concellería de Igualdade, como espazo de información, acompañamento e prevención fronte ás violencias machistas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Estará situado na Praza de Galiza e permanecerá operativo durante o horario dos concertos, co obxectivo de garantir un lecer seguro, libre e respectuoso para todas as persoas asistentes.


Participa, celebra, reivindica

Desde o Concello de Arzúa convidamos á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente nesta cita. A Festa dos Botes é unha celebración pensada para desfrutar en comunidade, con orgullo polo que somos e polo que compartimos.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page