top of page

A Festa do Queixo de Arzúa presenta o cartel da súa 51ª edición, dedicada á emigración galega

É obra do vasco Aitor Marín con raíces na parroquia arzuá de Pantiñobre


Laura Moure/Arzúa

A Festa do Queixo de Arzúa presenta o cartel da súa 51ª edición, dedicada á emigración galega A Festa do Queixo de Arzúa deu a coñecer este sábado o cartel da súa 51ª edición nun acto celebrado na antiga Casa de Correos de Arzúa. A presentación serviu para desvelar a imaxe gráfica dunha edición que xirará arredor da emigración galega, poñendo o foco na memoria das persoas de Arzúa que, ao longo da historia, tiveron que marchar fóra sen romper nunca o vínculo coa súa terra. No acto participaron Daniel Moscoso, concelleiro de Xuventude e Infancia; Lucía López, concelleira de Igualdade; Begoña Balado, concelleira de Turismo e Promoción Económica; Aitor Marín, autor do cartel; e o alcalde de Arzúa, Xesús Carril, quen debullaron as primeiras liñas conceptuais dunha edición que busca recoñecer o pasado migratorio do concello como parte esencial da súa identidade colectiva.

Durante a súa intervención, Daniel Moscoso, concelleiro de Xuventude e Infancia, destacou que a presentación do cartel supón “o primeiro paso dunha nova edición moi especial da Festa do Queixo de Arzúa, unha festa que non é só un evento gastronómico, senón unha parte fundamental da nosa identidade como pobo”. Moscoso subliñou o carácter simbólico deste momento, explicando que o cartel “é a primeira imaxe que nos anuncia que a Festa xa está en marcha, que comeza a encher as rúas de ilusión e que nos conecta co espírito da celebración que está por vir”.


Pola súa banda, Lucía López explicou que a elección desta temática responde a unha realidade compartida por Arzúa e polo conxunto de Galiza, destacando que “case non hai familia que non teña vivido a emigración, persoas que tiveron que marchar para buscar un futuro mellor, pero que nunca romperon coas súas raíces”. A concelleira sinalou que esta edición quere ser unha homenaxe a esas vivencias e a ese sentimento colectivo que “segue presente no noso día a día e forma parte da nosa memoria común”.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O cartel da 51ª Festa do Queixo é obra do deseñador Aitor Marín, fillo de emigrantes arzuáns asentados en Bilbao, que nunca perdeu a conexión coa vila nin coa parroquia de Pantiñobre, onde conserva a casa familiar. De neno acompañaba os seus pais nas viaxes de regreso a Arzúa durante as vacacións, unha ligazón que mantén hoxe transmitíndolles ás súas fillas o amor pola terra dos seus avós. No eido profesional, Marín iniciou a súa carreira no ano 2004 no ámbito do deseño e da publicidade. A súa relación coa Festa do Queixo vén de lonxe: foi autor da imaxe da 39ª edición (2013) e acadou dous segundos premios no concurso de carteis en distintas edicións.


Na súa intervención, Aitor Marín explicou que o cartel parte da idea de que “a Festa do Queixo é moito máis ca un produto ou unha feira: é todo o que acontece ao seu redor, as persoas, a música, as rúas cheas de vida e a identidade dun pobo enteiro”, sinalando que por iso decidiu construír a imaxe a partir da palabra QUEIXO, integrando en cada letra símbolos e escenas representativas da festa e de Arzúa.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

O alcalde Xesús Carril puxo en valor a decisión de dedicar esta edición á emigración, lembrando que “Arzúa é tamén a historia das persoas que tiveron que marchar, do esforzo e do sacrificio que fixeron posible o que hoxe somos”. Carril destacou ademais que a Festa do Queixo “é patrimonio, tradición viva e unha posta en valor dos nosos sectores produtivos, construída durante máis de medio século grazas ao traballo colectivo”.


A 51ª Festa do Queixo de Arzúa celebrarase os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo de 2026, e volverá converter a vila nun punto de encontro arredor do queixo, da cultura e da identidade compartida, reivindicando a memoria das persoas que marcharon e o orgullo de celebrar, hoxe, unha festa profundamente enraizada no territorio.

NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO DA PRESENTACIÓN.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page