Terá lugar os días 14, 15 e 16 de marzo de 2025
Laura Moure/Arzúa
A tradicional Festa do Queixo de Arzúa prepárase para unha celebración especial en 2025 ao conmemorar os seus 50 anos de historia promovendo a cultura queixeira, a tradición e o sabor da rexión. Este fito contará cunha renovación visual que marca un antes e un despois na historia do evento: a presentación dun novo logotipo conmemorativo que simboliza cinco décadas de traballo, compromiso e paixón polo queixoartesanal, sen esquecernos da parte musical que tan arraigada está a esta festa. O novo logo foi creado especialmente para a ocasión por Daniel Camino, un veciño do concello que se dedica ao deseño gráfico.

A Festa do Queixo, que se converteu nun punto de encontro para amantes do queixo, levarase a cabo os días 14, 15 e 16 de marzo de 2025. Durante tres días, os visitantes poderán gozar dunha variada oferta de actividades que incluirán degustacións, o concurso de tapas polos bares da vila, talleres para os máis pequenos, charlas, así como música e actividades culturais que enriquecerán a experiencia de todos os asistentes.
Publicidade
Con esta edición tan especial, a Festa do Queixo quere reafirmarse como un evento imperdible no calendario de actividades culturais e gastronómicas, e unha cita obrigada para aqueles que desexen coñecer e experimentar o auténtico sabor dos queixos rexionais (tanto galegos como doutras partes de España e do mundo) nun ambiente festivo e familiar.
“Queremos que veña moita xente de fóra, pero que sexa fundamentalmente unha festa para a nosa veciñanza”, recalca o alcalde, Xoán Xesús Carril.
Comentarios