top of page

A Festa do Melindre de Melide pretende "voltar á orixe e resaltar o valor dos doces nesta terra"

Esta nova edición foi presentada este xoves na a aula gastrocultural do Mercado e Abastos de Santiago e estivo precedido dun café solidario a favor dos ucraínos


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide presentou este xoves o 30º aniversario da Festa do melindre e da repostaría tradicional de Melide, que se celebrará xusto dentro dun mes e contará con numerosas novidades. O acto tivo lugar na aula gastrocultural do Mercado e Abastos de Santiago e estivo precedido dun café solidario con melindres cuxa recadación se destinará en axuda directa ao pobo ucraíno a través da ONG Itínera Faciendo Nenos de Ucraína en Galicia.

Igrexas, Pérez e Rodríguez durante a presentación.

No acto tivo presente o alcalde do concello, José Manuel Pérez. O rexedor comezou a súa intervención destacando a historia da festa. “Despois de dous anos nos que non se puido conmemorar a Festa do Melindre como se merece, estamos desexando poder compartir a festa máis doce de Galicia con todo o mundo, na que homenaxeamos aos tres produtos que identifican a Melide: os melindres, os ricos e os amendoados.”


Ademais destacou “que o patrimonio de Melide é máis que cruceiros, pazos ou casas grandes. É tamén o bo facer das súas xentes. Falar de melindres e melindreiros, é falar de

gastronomía, tradicións e cultura.“


Mentres, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, debullou a programación polo miúdo do trixésimo aniversario e destacou unha serie de novidades, como unha campaña promocional específica para o melindre realizada desde o mes de setembro de 2021, consistente nos obradoiros que se estiveron a realizar por toda Galicia; a presenza en numerosas feiras e a organización da Festa en tres espazos desde este ano denominados: o Espazo Melindre (Praza do Convento), o Espazo Rico (rúa do Convento) e o Espazo Amendoado (cantón). "Queremos voltar á orixe, resaltar o tradicional e o valor dos doces feitos na nosa terra”, recalcou.


Mentres, Alberto Rodríguez, presidente da Asociación de repostaría tradicional Melide Terra Doce centrouse na vontade de facer partícipes da historia local aos nenos de Melide. Para isto, os tres locais referencia da produción de melindres farán unha introdución do que son os doces e a historia de Melide, así como un taller de elaboración de produtos para coñecer o que significa a repostería local e como se traballou desde os inicios.


Ademais, anunciou os participantes no faladoiro que terá lugar o día 28 de abril. Serán Miguel Vila (crítico gastronómico), Guillermo Moscoso (Pan da Moa de Santiago), Fátima Estévez (profesora na EFA A Cancela) e o propio Alberto Rodríguez (presidente Asociación Melide Terra Doce), e Jose Manuel García (director de “Comer e Falar”), como moderador.

A Festa do Melindre terá lugar os días 7 e 8 de maio, con actividades previas desde o xoves 8 de abril. Entre as novidades que se avanzan para o 30º aniversario, atópase unha exposición conmemorativa das tres décadas do evento con paneis informativos e fotográficos, que se inaugurará en Melide o venres 29 de abril.


Ao final do acto serviuse aos medios presentes un café con melindres e agasallouse cunha

caixiña doce conmemorativa.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page