A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar do Pino acollerá unha exhibición de Freestyle Motocross
- Laura Moure
- 31 jul 2024
- 2 Min. de lectura
Pedro Moreno, catro veces campión de España, e Greg Rowbotton ofrecerán un espectáculo cheo de emoción e adrenalina
Laura Moure/O Pino
O Concello de O Pino celebra esta fin de semana a edición número 23 da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, unha cita que inclúe obradoiros, actividades infantís, degustación de galo, o tradicional xantar popular e a feira ‘Artesanía no Camiño’. Entre as diferentes propostas coas que conta o amplo programa deste ano, destaca a exhibición de
Freestyle Motocross que terá lugar xa o sábado día 3 ás 19:00 horas na rúa Mollaos.

Pedro Moreno, catro veces campión de España de Freestyle Motocross, e Greg Rowbotton,
recoñecido piloto de renome internacional campión da Copa España, traerán toda a súa habilidade e valentía a O Pino para ofrecer unha exhibición que deixará abraiados a todos os asistentes.
Publicidade
O espectáculo incluirá saltos e acrobacias extremas que desafían a gravidade a máis de 23 metros de distancia e 14 metros de altura, convertendo as gradas do recinto da mostra cabalar da rúa Mollaos no epicentro da emoción e da adrenalina. Ademais, a exhibición complementarase cunha posta en escena con efectos de luz e son, así como música en directo cun speaker, co obxectivo de crear unha experiencia audiovisual completa. Haberá trucos como backflips, superman, tsunamis… nun show que terá unha hora de duración e que está dirixida tanto á cativada como a persoas adultas.
Ao finalizar o espectáculo, o público poderá facerse fotos e pedir autógrafos aos protagonistas. Este evento é parte da programación da tradicional Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar,unha cita anual que celebra a nosa cultura e tradicións e que o mesmo sábado acolle ademais o concerto de Ailá e da Banda de Música de Arca a partir das 20:00 horas.
Publicidade
O domingo, día 4, celébrase a tradicional feira de galos e galiñas piñeiras vivas (10:00 horas), coa degustación gratuíta de galo piñeiro (13:00 horas). A mostra cabalar desenvolverase dende ás 9:30 horas co comezo das inscricións e ás 18:30 horas darase a coñecer o premio Faísca ao mellor cabalo ou egua de pura raza española nado e criado en Galicia. As 20:30 horas comezará o espectáculo Paco Martos Horse Show.
Bình luận