A entrada é gratuíta para os asociados ao colectivo e os menores de 18 anos que non sexan socios deberán pagar 8 euros
Laura Moure/Vila de Cruces
A segunda edición da Festa da Rapazada, organizada pola Asociación Garatuzas, celebrarase o venres 2 de agosto no antigo campo de fútbol de Piloño, en Vila de Cruces. É unha xornada repleta de diversión que arrincará ás 16:00 horas con todo tipo de inchables (acuáticos xigantes, de saltos, campos deportivos, pista americana de 40 metros), múltiples sorteos e moitas sorpresas. A clausura da festa correrá a cargo do espectáculo “Cantaxoga” de Migallas Teatro, ás 20:00 horas.

Esta xornada lúdica está pensada para os nenos, porque eles son os protagonistas e destinatarios de todas as actividades que se planifican para ese día. E, entre os servizos que se ofertarán hai que destacar: food truck, xeados artesáns e servizo de bar con prezos populares para que as familias só téñanse que preocupar de divertirse.
Publicidade
Garatuzas conta co apoio do Concello de Vila de Cruces, da Deputación de Pontevedra, así como de numerosas empresas e particulares da zona para poder levar a cabo este evento. Nesta edición, a asociación, que preside Alejandra López, espera superar a cifra de asistencia da edición anterior, na que ao redor de 200 menores da comarca de Deza gozaron dos múltiples inchables e da festa da escuma.
A festa está organizada pola Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño, unha entidade sen ánimo de lucro que ten por finalidade dinamizar esta parroquia cruceña e a súa contorna, promovendo actividades culturais e sociais orientadas á infancia e ás súas familias. De feito, a entrada é gratuíta para os asociados á organización. Os menores de 18 anos non asociados a Garatuzas deberán pagar 8 euros que se abonará o mesmo día.
Comments