top of page

A Festa da Malla Tradicional de Doade, Lalín, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O Consello da Xunta tamén aprobou este recoñecemento para a Festa da Lamprea Seca de Arbo, para a Feira do Viño de Pantón e para a Feira do Queixo e do Pan de Friol


Laura Moure/Deza

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de acordo polo que se declaran festas de interese turístico de Galicia a Festa da Lamprea Seca de Arbo, a Festa da Malla Tradicional de Lalín, a Feira do Viño de Pantón e a Feira do Queixo e do Pan de Friol. Unha vez examinadas as solicitudes presentadas, e tras os trámites preceptivos, infórmase favorablemente ao cumprir os requisitos esixidos, como a singularidade, o valor cultural, o arraigo da festa, a creatividade e innovación na celebración do evento, o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración da festa e para a recepción de visitantes, a afluencia de visitantes ou o adecuado coidado das contornas urbanas, monumentais ou paisaxísticas onde se desenvolve.


Na Malla Tradicional de Lalín, que ten lugar en agosto, recréanse todas as modalidades das antigas mallas, por orde cronolóxica (malla á pedra, con males, malladoira manual, motores, malladoiras e aventadoiras, malladoira enganchada á toma de forza dun tractor), da Comarca do Deza.

A Festa da Malla de Doade. Autor: Casa do Patrón.

O Museo Casa do Patrón, entidade promotora deste evento ao longo dos últimos 22 anos, quere manifestar "o meirande dos agradecementos á Xunta de Galicia, por este recoñecemento público do noso traballo a prol de recuperar, conservar e difundir un dos traballos comunitarios máis importantes da Galicia interior durante séculos. Tamén o apoio recibido da Deputación de Pontevedra e do Concello de Lalín, para chegar a este punto.

A nosa gratitude é infinita cara aos centos de persoas (veciños, amigos, asociacións, promotores doutras mallas galegas...), algunhas das cales xa non están entre nós para celebralo, por toda axuda prestada ao longo de tantos anos. Sen a súa ilusión, ánimos, coñecementos e traballo achegado, que non foi capaz de deter nin a pandemia, xamais nos resultaría posible acadar semellante consideración, partindo do cero absoluto".


"O mellor xeito que temos de corresponderlle é celebrando entre todos a XXIII edición desta gran Malla Galega, o sábado, 20 de agosto do 2022, se as circunstancias o permiten. Parabéns a todos por este gran éxito compartido!", subliña o Museo Casa do Patrón.

A Festa da Lamprea Seca (Arbo) celébrase na primeira quincena de agosto na Carballeira de Turbela no Concello de Arbo. Nun primeiro momento xurdiu como un acto máis da programación das festas patronais de Arbo, pero co paso do tempo a festa foi adquirindo entidade propia. A singularidade deste evento atópase fundamentalmente no mantemento da tradición do secado da lamprea para a súa conservación todo o ano.

A Feira do Viño de Pantón sucédese cada ano nesta localidade a mediados do mes de maio para enxalzar a viticultura da zona, cuxo carácter diferenciador vén dado pola súa situación xeográfica ao atoparse entre as ribeiras de tres ríos (Cabe, Sil e Miño ), que producen cadansúas uvas con características propias que deste xeito resultan determinantes no produto final.


En Friol, na segunda quincena do mes de marzo, celébrase anualmente a Feira do Queixo e do Pan, co obxectivo de homenaxear e preservar a tradición local de elaboración do queixo e do pan, así como rememorar o costume antigo das feiras que tiñan lugar no Concello de Frio

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page