top of page

A Festa da Empanada de Bandeira nomea valedores a Pepe Domingo e a Fernando Ónega

A Asociación Amigos da Empanada continúa coa súa campaña de promoción da cita gastronómica co obxectivo de lograr o título de interese turístico nacional no ano 2024


Laura Moure/Silleda

A Festa da Empanada e a vila de Bandeira contan con dous novos defensores, os prestixiosos xornalistas Pepe Domingo Castaño e Fernando Ónega foron distinguidos co título honorífico de “Valedores da Festa da Empanada”. Con esta declaración, ambos persoeiros adquiren a obriga de defender a empanada galega en xeral, e a Festa da Empanada en particular, alá onde vaian; e comprométense a comer empanada todos os anos.


Estes dous persoeiros, veñen a sumarse ao xa declarado Valedor, Alfonso Rueda Valenzuela, presidente da Xunta de Galicia. Entre os motivos para a súa concesión, destácase a súa gran traxectoria profesional, así como a gran vinculación coa Festa da Empanada de Bandeira, da que ambos foron ilustres pregoeiros e fieis colaboradores en repetidas edicións.

O presentador e escritor Pepe Domingo Castaño, lembrou diversas anécdotas vividas na Empanada de Bandeira, sendo o lugar onde montou por primeira vez en cabalo e declarouse amante do prato estrela da gastronomía galega porque a súa nai “facía unha empanada de bacallau con pasas que era unha marabilla” e levantou o seu micrófono en nome de todas as persoas que aman a empanada e “pola miña terra, por Galicia, por Bandeira e pola radio”.


Pola súa banda, Fernando Ónega López, puxo en valor o traballo realizado pola moza asociación de Amigos da Empanada e reivindicou a declaración da Festa da Empanada como evento de Interese Turístico Nacional, “pola súa singularidade e en homenaxe a todas as persoas que no ano 1974 decidiron comezar cunha das mellores festas do noso país”.

Os ilustres Valedores comprometéronse a regresar á Festa da Empanada en vindeiras edicións e asinaron o gran libro de firmas, recibindo da man de Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada, a medalla oficial e a figura do carballo, que representa e simboliza “o fortalecemento das raíces que unen ás persoas distinguidas coa Festa da Empanada e o pobo de Bandeira”

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page