A Festa da Empanada da Bandeira consolida a súa promoción a nivel nacional
A entidade cultural Amigos da Empanada logra impactos a nivel nacional que acercan a consecución do Interese Turístico Nacional para a cita gastronómica por excelencia do concello de Silleda
Laura Moure/Silleda
Que a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda) está a buscar a declaración de evento de Interese Turístico Nacional xa non é un segredo para ninguén. Non sabemos se finalmente a vila da Bandeira conseguirá este título pero o que está claro é que todos os esforzos están investidos no logro deste difícil obxectivo. Unha meta moi complexa xa que estamos ante unha festa gastronómica que non é organizada por unha institución pública senón por unha asociación sen ánimo de lucro que, como é lóxico, presenta uns recursos e unha infraestrutura moito máis limitados.
Con todo, a campaña de promoción e difusión a nivel nacional está a ser todo un éxito. Este sábado, unha delegación da Festa da Empanada en Madrid visitaba Tiempo de Juego de La Cope, espazo radiofónico presentado por Paco González, Manolo Lama e Pepe Domingo Castaño, nombrado este último Valedor da Empanada no ano 2022 pola súa vinculación histórica coa Festa da Empanada. Ante unha audiencia media de 1.811.000 oíntes, o programa deportivo declarou a vila da Bandeira como a “capital da empanada” e comentou durante varios minutos e ata en tres ocasións os motivos polos cales os oíntes deben visitar na terceira semana de agosto a Festa da Empanada. Despois de afirmar que “na Bandeira todo é festa” o presentador deportivo concluíu co lema “Festa da Empanada, non che digo nada!” antes de degustar unha empanada de zamburiñas enviada directamente desde A Bandeira.
A esta mención, súmase o impacto realizado pola coñecida presentadora de Kiss FM María Lama, tamén declarada Valedora da Empanada o pasado 8 de abril na I Gala da Empanada. A locutora do espazo Las Mañanas Kiss, cunha media de máis de medio millón de oíntes, presumía ser coñecida en Madrid como a “Raíña da Empanada” e confirmaba que o 19 de agosto estará na Bandeira co equipo de Kiss FM gozando da espectacular gastronomía galega e dun dos seus produtos máis internacionais. Tamén do mundo radiofónico provén a outra mención a nivel nacional lograda nas últimas semanas, neste caso de esRadio, emisora cunha audiencia de 700.000 persoas e que entrevistou ao presidente de Amigos da Empanada, Andrés Seoane, que tivo a oportunidade de defender a importancia da Empanada para A Bandeira así como a traxectoria dos Festivais Esmorga Folk e Bandeirock, dos máis antigos de Galicia.

Ademais, recentemente a revista internacional Gastroactitud fíxose eco da Festa da Empanada da Bandeira, destacando o seu importante concurso de empanadas e o papel clave que xogaron de forma histórica as mulleres da vila para que este evento alcanzara o prestixio do que goza na actualidade. Andrés Seoane sinalou que a “Festa da Empanada está nun dos seus mellores momentos e o seu crecemento vai ser imparable”. Persoeiros de renome como Martín Berasategui, Alfonso Rueda, Pepe Rodríguez, Ana Pardo de Vera, Fernando Ónega ou Lucía Veiga xa mostraron o seu apoio á cita gastronómica. Agora foi o cantante Carlos Baute, que posou esta semana para as redes sociais da asociación, o que se sumou á campaña posando cun mandil da Empanada.