A feira Galiforest Abanca 2026 programa 200 demostracións de maquinaria e sistemas forestais
A cita será o 2 ao 4 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón)
Laura Moure/Xeral
A oitava edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 2 ao 4 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón), acollerá numerosas demostracións de maquinaria e sistemas que se repetirán en distintas ocasións ao longo dos tres días do certame, sumando ao redor de 200 demostracións.

A súa realización nun lugar real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece o monográfico, tanto para os expositores, que poden mostrar o funcionamento dos seus
produtos, como para os visitantes profesionais, os cales teñen a posibilidade de
comprobar in situ as vantaxes e posibilidades que estas lles ofrecen para o desempeño
da súa actividade.
Nunha zona do monte habilitada para iso ou ben nas propias parcelas das empresas
expositoras, realizaranse demostracións, entre outras, de procesadoras forestais e de
leña, raxadoras, serradoiros portátiles de troncos, trituradoras compactas e de gran volume, cabestrantes, manipuladoras telescópicas, sistemas automáticos de bloqueo e
liberación de estacas, tensores automáticos de estacas, robots desbrozadores e
segadores (algúns con autocontrol), básculas para guindastres forestais, simuladores
de procesadoras forestais, guindastres robotizadas e consolas para este tipo de
guindastres, biotrituradoras, rozadoras de control remoto, equipos de pulverización de
graxa, cargadoras de cadeas con trituradora forestal ou minicargadoras.
PUBLICIDADE
Sumaranse demostracións de motoserras, de corte en altura, cambio de aceite a un
motor co sistema fast oil vs cambio de aceite tradicional, arte floral, instalacións de
xardíns verticais ou preparación de mostras polínicas de distintos meles.
Estas demostracións, ás cales se poden sumar aínda algunhas máquinas e entidades
máis, serán a cargo das empresas Aroz Berri, Axion Stocks Service, Cardelle
Hidráulica, Ence, Europa Parts, Grupo Torneiro, Hitraf, Husqvarna, Iberfores, Industrias
Guerra, Internaco, J.J.E. Hernández - Hersan Wood-Mizer España, Millasur, Murat,
Rodicar, Svmac, Talleres Turquino e Green Mowers, ademais da Axencia Galega da
Calidade Alimentaria (Agacal).
Exhibicións, talleres e probas de produto
Por outra banda, o programa de Galiforest Abanca 2026 acollerá exhibicións máis
lúdicas, talleres, probas de produto e exposicións, podendo participar os visitantes
nalgunhas delas cos debidos equipamentos de seguridade.
PUBLICIDADE
Así, haberá espectáculos e demostracións de talla de madeira e de realización de
esculturas con motoserra por parte de Husqvarna, Phil Nobel, Emak e Sthil. Esta última
permitirá ademais realizar probas de motoserras profesionais e tamén programará
exhibicións do coñecido como deporte da madeira “Stihl® Timbersports® Series”, nas
cales se desenvolverán as distintas modalidades deste deporte, que son corte de
tronco en vertical e horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con
prototipo.
Así mesmo, de man do Agacal haberá algunhas exposicións, como a dedicada á vida na colmea ou á mostra de ecoesferas, e tamén talleres, como o de enxertos.









Comentarios