A exposición sobre a historia da banda de Antas pode verse no castelo de Pambre ata o día 29 de maio
A mostra, con acceso gratuíto, estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, na Sala de Exposicións
Laura Moure/Palas de Rei/Antas
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este sábado no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, a mostra 125 anos resoando no Corazón de Galicia, que repasa a historia da Banda de Música de Antas de Ulla. Unha exposición promovida pola institución provincial con motivo do aniversario da agrupación e que xa estivo instalada na propia localidade ulloá.

Pilar García Porto convidou aos veciños e veciñas de Palas de Rei, de toda a Ulloa e do conxunto da provincia a visitar a mostra, “coa que poñemos en valor a historia e a riqueza que supón para o noso territorio contar coa Banda de Antas, unha das formacións máis antigas de Galicia que dinamiza a vida social e cultural, e que actúa sempre como embaixadora de primeiro nivel para a promoción da comarca”. Neste sentido, a Deputada subliñou que a agrupación ten “un gran pasado, pero tamén un gran futuro, garantido pola media de idade dos actuais membros da Banda, todos e todas eles moi novos”.
A mostra, con acceso gratuíto, estará aberta ata o 29 de maio, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, na Sala de Exposicións do Castelo de Pambre.
A Deputación financiou con 18.000 euros a mostra, ademais de achegar outros 18.000, para a celebración dos distintos actos conmemorativos da Banda de Música de Antas, entre os que se atopa a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da formación.
Esta actividade, que se enmarca no aniversario da Banda de Música ulloá, trasladarase a Monterroso no mes de xuño tras o seu paso por Antas de Ulla e Palas de Rei. A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80.
NOTICIA RELACIONADA: