“A experiencia foi para min un auténtico máster na aldea", resalta o lalinense Gonzalo Navaza
O dezá pronunciu estas palabras onte durante o discurso tras ingresar na Real Academia Galega
Laura Moure/Lalín
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu onte na Coruña á sesión plenaria extraordinaria celebrada na sede da Real Academia Galega na que o lalinense Gonzalo Navaza pronunciou o discurso de ingreso Nomes de persoa na toponimia de Lalín. O novo académico leu o seu discurso na sede da Academia tras entrar acompañado por Ana Romaní e Ana Boullón, as dúas académicas de máis recente nomeamento, nun salón de actos ateigado de público. A sesión organizouse co apoio do Concello da Coruña.
Antón Santamarina foi o encargado de darlle resposta en representación da institución na sesión extraordinaria pública. O actual coordinador do Seminario de Onomástica da RAG foi quen hai xa máis de corenta anos lle propuxera facer o traballo de campo para corrixir a toponimia da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional da provincia de Ourense e das áreas limítrofes, unha encarga que o hoxe profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo asumiu no tempo libre que lle deixaba o seu traballo naquel momento como docente no ensino medio. “A experiencia foi para min un auténtico máster na aldea, daquela un desiderátum que Xesús Alonso Montero recomendaba para os profesores que inaugurabamos a presenza do galego como materia no ensino non universitario”, lembra Gonzalo Navaza.

Tras o remate do acto, o responsable autonómico de Cultura trasladou as felicitacións da Xunta de Galicia ao filólogo e escritor lalinense Gonzalo Navaza, que ingresa na institución como novo membro de número para ocupar a vacante do historiador Xosé Ramón Barreiro, falecido en marzo do pasado ano.
O escritor e tradutor Gonzalo Navaza é un destacado especialista en toponimia, profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e colaborador do Instituto de Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica desde o ano 2012.
Máis información do acto e deste lalinense no seguinte enlace:
https://academia.gal/-/gonzalo-navaza-toponimia-dimension-identitaria-e-emotiva