Ecos da Comarca/Lalín
A exconcelleira lalinense Lara Rodríguez Peña manifesta o seu “apoio total” a Compromiso para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Así o fixo acompañada de dous destacados integrantes da candidatura de CxL: o actual edil Miguel Medela, número 4, e o exconcelleiro de Comercio e Emprego José Manuel Fernández, número 7.
Lara Rodríguez Peña foi a concelleira de Cultura e de Educación durante o pasado mandato e, nas eleccións municipais de 2015 e 2019, encabezou a candidatura da Plataforma Aberta Cidadá (PAC), que agora non concorre aos vindeiros comicios.
Na súa declaración pública, Rodríguez Peña incide en que “foi un pracer compartir durante o pasado mandato os catro anos de goberno con vós”, onde se sentiu “completamente a gusto”. Cualifica ese período de colaboración de “moi gratificante”, aínda que tamén foron “catro anos difíciles e duros de traballo”.
Partindo desa base, Lara Rodríguez Peña expresa o seu “apoio total” a Compromiso para as vindeiras eleccións do 28 de maio e transmítelle “moitísima forza e todo o meu cariño, dende logo”.
Dende as filas de Compromiso por Lalín, tanto Miguel Medela como José Manuel Fernández expresaron o seu agradecemento a Lara Rodríguez por este posicionamento público. Ambos remarcan que foi “unha honra” poder traballar en conxunto con ela durante o anterior mandato, colaborando estreitamente en diferentes proxectos e actividades. “Agradecémoslle que agora mesmo estea aquí connosco tamén, dándonos o seu apoio”, afirmaron.
Pola súa banda, o candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, sumouse a este agradecemento a Lara Rodríguez, poñendo en valor a súa “inmensa xenerosidade”. “Lara foi unha concelleira que na miña etapa como alcalde puxo de manifesto a súa capacidade de chegar a acordos, de traballo e de esforzo, sempre cunha actitude construtiva e sempre en prol dos intereses xerais da veciñanza de Lalín”, conclúe.
Comentarios