Laura Moure/Silleda
Paula Fernández Pena entrará a formar parte do goberno socialista de Silleda. A súa decisión foi avalada este venres pola militancia nunha asamblea extraordinaria da agrupación socialista, na que se informou de distintas cuestións. Fernández Pena voltará pois á Corporación municipal “dende a humildade e consciente da experiencia adquirida nos últimos anos que podo aportar ao goberno local”, indicou ante os asistentes.

Asistentes á asamblea.
Dende a súa entrada en política no ano 2007, Fernández Pena, que é a secretaria Xeral dos socialistas silledenses e Vicesecretaria Xeral do PSdeG a nivel provincial, asumiu distintos cargos institucionais. Foi alcaldesa entre 2007 e 2009, regresando trala moción de censura ao cargo en 2011. No ano 2013 foi elixida senadora por designación autonómica. Na actualidade é a Coordinadora do Gabinete da Presidencia da Deputación de Pontevedra e nos comicios municipais de 2019 concorreu como número 8 na lista dos socialistas silledenses.
Na xuntanza estivo tamén presente Klaus Brey Montaña, que o pasado luns presentou a súa dimisión como concelleiro, e que explicou ante a asamblea os motivos da súa marcha, ante unha situación familiar que complicaba as súas obrigas como concelleiro. A reunión foi tamén un recoñecemento ao compromiso e traballo de Brey, veciño da parroquia de Cira, durante os 10 anos nos que asumiu distintas responsablidades do goberno socialista durante varias lexislaturas. As accións levadas a cabo nestes dous anos de goberno e outras previsións de futuro tamén foron abordadas na reunión. A entrada de Fernández Pena no goberno suporá unha remodelación de áreas que aínda está por definir. Está previsto que no vindeiro pleno ordinario de finais deste mes se dé conta da renuncia de Brey, e que Fernández Pena tome posesión cando se obteña a credencial correspondente da Xunta Electoral Central.
Comentários