top of page
Foto del escritorLaura Moure

"A estética deste cartel da Feira de Santos é minimalista, pero engloba a súa esencia e tradición"

Actualizado: 9 nov 2021

"O deseño representa unha das escenas máis emblemáticas da nosa feira, como é a da polbeira repartindo o polbo, unha imaxe que se pode contemplar cada día 1 de novembro nos diferentes postos da vila"

Paula Lobato Vázquez.

ENTREVISTA A PAULA LOBATO VÁZQUEZ, VECIÑA DE MONTERROSO E DESEÑADORA GRÁFICA QUE FIXO O CARTEL DA PASADA EDICIÓN DA FEIRA DE SANTOS


Laura Moure/Monterroso

O pasado 1 de novembro tivo lugar a tradicional Feira de Santos de Monterroso, que este ano recuperou a súa esencia tras os meses de pandemia e congregou a gran cantidade de xente. A creadora do cartel desta edición foi a deseñadora gráfica e veciña da localidade, Paula Lobato Vázquez.


1. Como recibiu o encargo de deseñar o cartel desta edición da Feira de Santos, un evento con tantos anos de historia e ademais, sendo vostede de Monterroso?

Foi o equipo de goberno da vila o que se puxo en contacto conmigo para facerme a proposta, xa que consideraron interesante a posibilidade de que fose alguén do pobo quen a levase a cabo.


2. Como describiría o cartel?

É un cartel de estética minimalista, pero efectiva que engloba tanto a esencia como a tradición da Feira de Santos. O deseño representa unha das escenas máis emblemáticas da nosa feira, como é a da polbeira repartindo o polbo, unha imaxe que se pode contemplar cada día 1 de novembro nos diferentes postos da vila.


3. Foi sinxelo o proceso creativo ata chegar ao deseño final?

Si, foi doado. Tiñamos claro dende un principio o que queriamos transmitir e de que maneira, polo que só foi necesario contrastar un par de ideas e darlles as últimas pinceladas.


4. Cando e por que decide ser deseñadora gráfica?

Sempre me gustou todo o relacionado coa comunicación e a creatividade dende pequena. Cando chegou o momento de comezar a miña formación profesional, decanteime por Publicidade e Relacións Públicas e, dentro da mesma, a parte máis relacionada co deseño foi a que me entusiasmou dende o primeiro momento.


5. Que é o que máis lle entusiasma da súa profesión?

O feito de poder representar ideas de forma gráfica e visual, así como de transmitir incluso sentimentos cunha imaxe. Ser capaz de comunicar e ata emocionar a través dun deseño paréceme un dos aspectos máis apaixonantes desta profesión.


6. Que cualidades debe ter un deseñador gráfico?

A creatividade é un aspecto moi importante na nosa profesión, sen dúbida, pero tamén son relevantes outros aspectos como saber traballar en equipo, ter capacidade de organización e, sobre todo, ter flexibilidade de criterios. Ademais, é necesario estar en constante formación para poder adaptarse ás condicións cambiantes do mundo do deseño.


7. Sente que a súa profesión está valorada?

O mundo e a concepción da arte vai evolucionando e, por sorte, cada día se valora máis o noso traballo. Aínda así, coido que a moita xente lle costa ver o deseño como unha profesión como tal e non coma un “hobby”.



0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page