A escola infantil de Monterroso, a única gratuíta da provincia con atención todos os días laborais
O Concello recibe unha subvención da Consellería de Política Social para a aplicación da gratuidade e no mes de agosto será o ente local o que asumirá os costes
Laura Moure/Monterroso
O Concello de Monterroso acaba de recibir a resolución dunha subvención da Consellería
de Política Social para a aplicación da gratuidade na escola infantil de titularidade
municipal. "Logo das xestións oportunas ante a Consellería por parte da alcaldesa, da solicitude da subvención e da publicación definitiva da modificación da ordenanza neste mesmo mes, os nenos e nenas de Monterroso reciben a súa atención educativa de maneira gratuíta",sinala o Concello.

"Con esta medida as familias monterrosinas aforran máis de 25.000 euros anuais o que
supón non só aliviar a carga económica das mesmas senón que esta medida facilita
unha medida de conciliación laboral e persoal", engade. "Ademais a escola infantil non pechará ningún mes do ano co que o Concello correrá cos gastos para que os pais e nais non teñan que pagar tampouco a taxa no mes de agosto (mes non subvencionado pola Xunta de Galicia)", puntualiza.
36 cativos
A escola infantil conta neste momento cun total de 36 nenos e nenas supoñendo un
aumento considerable con respecto aos últimos anos. "O custo do servizo para o Concello é de máis de 200.000 euros neste 2022 nos que van incluído tanto os gastos de persoal como de gasto corrente. Ademais o Concello tamén vén de recibir máis de 25.000 euros da Xunta para o seu funcionamento".
Dende o Consistorio unha vez recibida as subvencións están a estudar a maneira legal
para a devolución das taxas" tal e como se comprometeu a alcaldesa coas familias na
reunión de inicio de curso". A alcaldesa, Rocío Seijas, sinala que "esta medida alivia a carga económica das familias e beneficiará o asentamento de poboación xa que se ofrece un servizo dende as 8 ata as 6 da tarde". Así mesmo recalca que o comedor conta cun menú elaborado por unha profesional, adaptado ás necesidades, elaborado con produtos locais por unha cociñeira propia.
Ademais, incide en que "unha das súas prioridades son as familias" e que o Concello "a
pesar de aportar máis 150.000 euros de fondos municipais para o bo funcionamento
do servizo, tamén correrá cos gastos engadidos que supón esta gratuidade, sendo a
única gardería da provincia gratuíta con atención educativa todos os días laborais do
ano".