O 12 de marzo finalizará o prazo para que os candidatos remitan toda documentación
Laura Moure/Antas de Ulla
A Asociación Escola-Banda de Música de Antas de Ulla abre o proceso para a selección e contratación dun/dunha novo/nova director ou directora para a súa Escola e Banda de Música. O actual director é o agoladés Javier González Borrajo que leva dirixindo esta formación dende hai unha década e anunciou a súa dimisión en xaneiro.
Terase en conta que os/as aspirantes que desexen participar neste proceso selectivo teñan en posesión o Título Superior de Música en Dirección ou Interpretación (instrumentos de vento ou percusión), aínda que non é un requisito indispensable. Así mesmo, valorarase a experiencia previa na dirección de bandas populares e/ou profesionais.
Funcións:
Dirixir e programar os ensaios Xerais e Parciais da Banda de Música, previo consenso coa Xunta Directiva.
Organizar as clases e actividades da Escola de Música, en acordo coa Xunta directiva.
Programar xunto coa Directiva un calendario anual de actuacións (concertos, festas, certames, intercambios, audicións, galas…) tanto da Escola como da Banda e, atender a cada compromiso que se acepte.
Seleccionar un programa de calidade, variado e acorde con cada actuación e adecuado ó nivel de cada unha das formacións (Escola e Banda).
O prazo para remitir a documentación rematará o 12 de marzo do 2022. Os documentos que deben achegar as persoas interesadas son os seguintes: Currículum Vitae cunha foto recente; proposta de proxecto para a Banda de Música e proposta de proxecto para a Escola de Música. Todos isto será enviado á dirección de correo electrónico: bandademusicadeantasdeulla@gmail.com
O proceso selectivo constará de tres fases:
1ª FASE: Valoración e preselección de todos os proxectos recibidos. A Xunta Directiva, vistas as solicitudes que se presenten en dito prazo, establecerá os andidatos que pasen as seguintes fases, tendo en conta o currículum Vitae e as propostas presentadas para ambas formacións (Banda e Escola). Unha vez rematada a realización da primeira fase deste proceso, a Xunta Directiva porase en contacto cos candidatos seleccionados para pasar á segunda fase a través, do mesmo correo electrónico onde se recibiu a candidatura.
2ª FASE: Entrevista persoal a cada unha das candidaturas preseleccionadas. A Directiva da Asociación realizará unha entrevista persoal coas persoas seleccionadas, onde se valorará a viabilidade e interese dos proxectos presentados. Así mesmo, tratarase co/a candidato/a a dispoñibilidade de tempo para adicarlle á Asociación e, tamén, as condicións laborais de desenvolver ditos postos.
3ª FASE: Proba práctica que consistirá nun ensaio coa Banda de Música de Antas de Ulla. A última fase constará dun exercicio presencial a realizar coa Banda de Música de Antas de Ulla. Consistirá nun traballo de ensaio de dúas pezas obrigadas, propostas pola Xunta Directiva.
Ao remate desta terceira fase, a Banda xunto coa Xunta Directiva realizarán unha votación para decidir por maioría a persoa seleccionada para o posto de director/a.
Ademais, cabe recalcar que a Asociación Escola Banda de Música de Antas de Ulla, resérvase o dereito a declarar deserto o proceso selectivo no caso de que ningunha das candidaturas supere a totalidade das dúas rondas. Así mesmo, a Xunta Directiva queda facultada para a interpretación destas bases e para resolver as dúbidas que poidan presentarse, ademais de para adoptar as medidas necesarias para o normal e ordenado desenvolvemento da presente convocatoria. Os candidatos “as persoas aspirantes” aceptan a totalidade destas bases ao presentar a súa candidatura neste proceso selectivo.
HAI UN MES ECOS DA COMARCA ENTREVISTOU AO ACTUAL DIRECTOR, JAVIER GONZÁLEZ BORRAJO. DEIXAMOS POR AQUÍ A SÚA ENTREVISTA PARA SABER TAMÉN OS MOTIVOS POLOS QUE DECIDE DEIXAR ESTE CARGO:
Comments