Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A escavación de Castro Curbín de Arzúa atopa restos e obxectos case únicos no noroeste de Europa

As pezas arqueolóxicos permanecerán expostas ao logo de 15 días na Capela da Magdalena


Laura Moure/Arzúa

A escavación levada a cabo o pasado mes de setembro en Castro Curbín, Arzúa, polo grupo de investigación “Sincrisis Investigacións en Formas Culturais”, da Facultade de Historia da USC, grazas ao patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Arzúa, sacou a luz restos arqueolóxicos moi importantes pola súa singularidade.


Unha das pezas máis destacadas atopadas na intervención, foi documentada na Sondaxe 6, na contorna do acceso á croa. Trátase dunha grella de cerámica, definida por unha cocción oxidante pero moi deficiente, con abundantes restos de queimado. Esta grella presenta numerosos ocos circulares de 1,6-1,8 cm de diámetro, no que encaixan perfectamente varias fichas circulares cas mesmas medidas, recuperadas na mesma ubicación. Atendendo ás súas características, todo parece indicar que se trata dun taboleiro de xogos, o primeiro coñecido no Noroeste para estas cronoloxías e con escasos paralelos no resto de Europa.

En Castro Curbín, o material cerámico recuperado é maioritariamente adscribible á Segunda Idade do Ferro (s. IV-I a.C.), coas características habituais da cerámica do interior: recipientes globulares multifuncionais, maioritariamente olas. Pola súa banda, a metalurxia é unha actividade ben documentada na escavación realizada. Se ben aínda non foi posible identificar as zonas de produción, si foron documentadas varias evidencias relacionadas coa metalurxia do bronce e do ferro (escouras, crisoles...).


Para poder coñecer as pezas máis destacadas que saíron dos traballos realizados polos técnicos da USC, o Concello de Arzúa abrirá unha exposición a partir do vindeiro día 29 de novembro na Capela da Magdalena, que contará con paneis explicativos relativos as investigacións realizadas. Nas vitrinas da mostra, os visitantes terán a ocasión de ollar pezas de teares ou mesmo adornos que usaban os habitantes do poboado fortificado de Castro Curbín.


De xeito paralelo, o día da inauguración da mostra o director da escavación Samuel Nión, presentará os principais achádegos e as liñas de actuación coas que afrontaron o traballo ao logo dos 15 días que durou a intervención e as posibilidades de investigación que presenta a zona de cara a futuras fases da escavación xa o xacemento arqueolóxico que presenta un excelente estado de conservación. Ademais, desde a Dirección Xeral de Patrimonio e segundo Begoña Balado, concelleira de Turismo, consideran que “a proximidade do castro co Camiño de Santiago e respecto á Vía XIX do Itinerario de Antonino é moi significativa e privilexiada para a súa posta en valor, xa que non só permite que a poboación local integre o castro, senón que posibilita que transcenda tamén o Camiño, feito que pode ofrecer notables vías para o seu desenvolvemento social, económico, turístico e patrimonial”.

51 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE