A empresa lalinense de drons Aerocámaras asina un acordo co Instituto Nebrija de Competencias Profesionales
- Laura Moure
- 23 mar
- 2 Min. de lectura
O obxectivo é impulsar a formación e o emprendemento no sector da aeronavegación
Laura Moure/Lalín
A compañía galega Aerocámaras, con sede en Lalín e no Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia- é un referente no mundo da drónica en España e a maior escola de pilotos de drons da Península Ibérica. Acaba de alcanzar un acordo co Instituto Nebrija de Competencias Profesionales para impulsar a formación e o emprendemento no sector da aeronavegación.
Esta colaboración realízase a través da escola superior de drónica Campus UAS by Aerocámaras, que ofrecerá programas de formación permanente ao alumnado do
Instituto Nebrija. Trátase en particular do Curso de Especialista en Operacións Loxísticas
con Drons e do Curso de Especialista en Montaxe e Mantemento de Drons, ambos con
formación de piloto con homologación europea incluída. “Esta alianza ten como obxectivo principal capacitar tanto a empresas como a profesionais no ámbito da tecnoloxía de drons, dotándoos das competencias necesarias para liderar proxectos innovadores,
afrontando os retos do sector tecnolóxico e contribuíndo á expansión internacional da
drónica” -sinalan desde Aerocámaras-.

No marco desta colaboración, os profesionais terán acceso a unha oferta formativa
diversificada, que combina especialización técnica e a integración tecnolóxica con
competencias de xestión e liderado. Estes programas serán certificados cun título propio
por parte do Instituto Nebrija.
Tal como informan desde Aerocámaras, “estes cursos non só buscan ampliar os coñecementos técnicos e tecnolóxicos dos participantes, senón tamén desenvolver
habilidades estratéxicas e empresariais, potenciando a empregabilidade e favorecendo a creación de iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento do sector tecnolóxico”. O director xeral de Aerocámaras, Francisco Álvarez, pon de relevo que “esta alianza reforza o noso compromiso coa formación de excelencia no sector da drónica. A integración de programas especializados en loxística e en montaxe e mantemento de drons permitirá aos profesionais e empresas contar coas competencias necesarias para aproveitar ao máximo o potencial destas tecnoloxías”.
Publicidade
Aerocámaras
Aerocámaras, participada por Nexxus Iberia, é un conxunto de empresas referentes no mundo da drónica. A súa escola superior de drónica Campus UAS by Aerocámaras centra a súa actividade na difusión e capacitación profesional en ciencia e tecnoloxías disruptivas
con drons. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento de competencias clave que permitan aos profesionais destacar nunha contorna competitiva e esixente, nun sector
fundamental para o futuro.
Tecnópole
O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole é unha sociedade participada pola Xunta de
Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de
San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a
través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. O Parque está comprometido co desenvolvemento sostible, a igualdade de xénero e a divulgación científica.
Comments