top of page
Foto del escritorLaura Moure

A empresa gañadora do SAF abrirá unha oficina en Cruces con atención presencial de luns a venres

O Concello cruceño aporta máis de 300.000 anuais de fondos propios para este contrato


Laura Moure/Vila de Cruces

A mesa de contratación da prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Vila de Cruces adxudicou, a principios de xullo, o servizo á empresa Son a túa Axuda, tras avaliar o proxecto técnico e as ofertas económicas das catro entidades licitadoras presentadas.


O Concello de Vila de Cruces aporta máis de 300.000 euros anuais de fondos propios para este contrato, de case 4 millóns e medio de euros para os vindeiros cinco anos, “un extraordinario esforzo económico dirixido a un dos colectivos máis vulnerables, o das persoas maiores e dependentes”. Na modalidade de Dependencia, o prezo da hora ordinaria sitúase en 23,19 euros, IVE incluído, e 26,52 euros para horas festivas. Mentres, na modalidade de libre concorrencia o custo do servizo será de 24,53 euros por hora.

O alcalde, Luis Taboada, destaca a “gran calidade” do proxecto gañador de Son a túa Axuda –que alcanzou unha puntuación final de 95 puntos–, e que, a pesar de non ter a mellor oferta económica, si dispoñía dunha “excelente” proposta técnica, aspecto que o Concello decidiu priorizar, tal e como reflectiron nos pregos.


Un dos aspectos que se valoraron foi o procedemento de asignación do persoal auxiliar. Tras avaliar as características e necesidades de cada persoa usuaria, a empresa designará a aquela auxiliar que, pola súa formación, actitudes e habilidades máis se adapte ao perfil da persoa usuaria, converténdose na auxiliar de referencia. Ademais, agás situacións excepcionais, tratarase en todo momento de que non existan cambios de auxiliar, co fin de evitar desorientacións e desaxustes na intimidade familiar. É por isto que cada domicilio terá asignado, como máximo, tres auxiliares habituais. En todo caso, a empresa conta con persoal de retén encargado de cubrir as posibles baixas laborais, días libres por asuntos propios ou ausencias xustificadas, garantindo que non se produzan interrupcións na prestación do servizo.


Publicidade

Son a túa Axuda abrirá unha oficina en Cruces con atención presencial de luns a venres para as persoas usuarias e as súas familias e tamén para as auxiliares contratadas, ademais de atención telefónica para as traballadoras as 24 horas do día nos 365 días do ano. Tamén para optimizar a xestión do servizo, activarase unha aplicación informática chamada CIBERSAD.


Outra das novidades é a oferta de 1.664 horas anuais de servizo gratuíto. En situacións

urxentes e temporais, mentres non se resolve a tramitación ou adxudicación doutro recurso idóneo, as persoas dependentes, previa valoración social, poderán dispoñer do

servizo de axuda no fogar de xeito gratuíto. Finalmente, a proposta tamén inclúe a aportación do máximo material técnico requirido, así como un plan formativo para as

auxiliares, persoas usuarias e familias.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page