A empresa dezá Kalékoi recibe o accésit como iniciativa emprendedora nos Premios Alimentos de España
Laura Moure/Deza
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acolleu en Madrid a gala de premios Alimentos de España. Un acto no que a firma dezá Kalekói recibiu o Áccesit Alimentos de España á iniciativa Emprendedora na modalidade Industria Alimentaria, ano 2021. Álex Moure, socio de Kalekói, recibiu de man de Luís Planas, Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, a distinción. Este áccesit é un recoñecemento á aposta da firma de Deza pola produción de iogures elaborados con leite A2, que provén da propia gandería familiar situada en Rodeiro.

Kalekói iniciou a súa andaina a finais de 2015, cando Susana Aguiar e Álex Moure decidiron emprender no rural para poñer en marcha un proxecto no que poñer en valor o leite da gandería dos pais de Susana. “É un orgullo recibir unha distinción, esta máis se cabe xa que é un recoñecemento a nivel nacional. É algo que non podiamos imaxinarnos hai apenas seis anos cando Kalekói comezaba a vender os seus primeiros iogures. É un bo empuxón para seguir traballando forte, nun contexto realmente complicado”.
O Director Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, D. Xosé Balseiros, acompañou aos galardoados no acto celebrado na Sede Central do Ministerio.