top of page
Foto del escritorLaura Moure

A empresa de Palas de Rei Ecocentro recibe a certificación de Galicia Calidade

Con máis de 30 anos de traxectoria, produce ovos campeiros ao estilo tradicional, que comercializa baixo a marca Huevo de la Abuela, Ovo da Avoa


Laura Moure/Palas de Rei

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitou este xoves en Palas de Rei a empresa Ecocentro, para facer entrega aos responsables da compañía da certificación que acredita a posesión do selo de garantía para os seus produtos. A responsable do organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación sinalou que este certificado lles permitirá incluír a nova sinalización na súa fachada, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.


Publicidade

Ecocentro, con máis de 30 anos de traxectoria, produce ovos campeiros ao estilo tradicional, que comercializa baixo a marca Huevo de la Abuela, Ovo da Avoa. Nesta xuntanza a responsable de Galicia Calidade destacou o "compromiso coa sustentabilidade" desta compañía, que dispón dun centro de clasificación propio cos máis modernos sistemas de control de calidade, utiliza enerxías renovables e evita empregar plásticos nos seus procesos.

Neste centro envasan máis de 6 millóns de ducias de ovo ao ano. Producen 60.000 ducias semanais de ovo campeiro e 7.000 ducias semanais de ovo ecolóxico, aínda que o seu centro ten capacidade de envasado de 420.000 ducias semanais para ampliacións previstas de produción que xa teñen en proxecto.

Galicia Calidade é a marca que certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page