top of page

A elite mundial do clarinete cítase en Lalín nun festival único en Europa

Celebrarase do 2 ao 9 de agosto e participarán clarinetistas da London Symphony Orchestra, a Royal Concertgebouw de Ámsterdam ou a Staatskapelle de Berlín


Laura Moure/Lalín

O VII Galicia Clarinet Fest foi presentado oficialmente onte ante os medios de comunicación, confirmando a súa posición como un dos grandes referentes pedagóxicos e artísticos do panorama musical europeo. O evento, que converterá a capital do Deza no epicentro internacional do clarinete entre o 2 e o 9 de agosto, contará cunha extraordinaria nómina de dezaoito docentes de renome mundial, dous pianistas acompañantes e arredor de 150 alumnos e alumnas procedentes de países tan distantes como o Reino Unido, Canadá, Estados Unidos, Francia, Alemaña, Arxentina ou Uruguai, ademais de participantes de todo o territorio español.


Clarinetistas da London Symphony Orchestra, da Royal Concertgebouw de Ámsterdam ou a Staatskapelle de Berlín daranse cita na capital do Deza, xunto con outros artistas que forman parte das mellores orquestras sinfónicas, conservatorios e universidades do panorama nacional e internacional. Á excelencia desta parte académica e pedagóxica, súmase un congreso no que participan 30 marcas internacionais de procedencias tan diversas como Canadá, Hungría, Macedonia ou Xapón, convertindo o festival, segundo apuntou o seu director artístico Xocas Meijide, nun evento único en Europa.


Entre as propostas orquestrais máis agardadas salientan os grandes concertos da Real Filharmonía de Galicia —dirixida por José Luis Estellés— e da Banda Municipal da Coruña, así como o gran concerto de clausura da Orquestra do Galicia Clarinet Fest onde profesorado e alumnado compartirán escenario, sumando máis de 150 músicos en escena.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Dentro da programación do festival destaca a estrea mundial de "Camiño ao infinito” o novo e vangardista proxecto multidisciplinar de Xocas Meijide que fusiona o clarinete e o clarinete baixo con electroacústica, performance e vídeo-arte.


Unha das grandes novidades desta sétima edición é o ciclo "Noites de jazz en Lalín", unha serie de catro concertos nocturnos na Praza das Pipas e no Casino de Lalín que contarán coa participación dalgunhas das formacións máis reputadas do panorama jazzístico: Mery Lafuente & The Syncopated Men, Nani García Trío con Ricardo Formoso, Kid Carlos & Wolfgang Puntas, e Pablo Sanmamed Trío xunto a Benxa Otero.


A formación de novos talentos e a dinamización do tecido musical culminarán o sábado 8 de agosto coa celebración do IV Concurso Internacional Galicia Clarinet Fest, que repartirá máis de 10.000 euros en premios. Os galardóns inclúen bolsas de formación, instrumentos e a oportunidade única para os gañadores de actuar como solistas acompañados pola Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal da Coruña na vindeira edición.

No acto de presentación, celebrado no Concello de Lalín, participaron José Crespo, alcalde de Lalín; Felipe Ferrero, xefe da área provincial de Turismo de Pontevedra; Jorge Cubela, deputado Provincial de Cultura; Begoña Blanco, concelleira de Cultura de Lalín; e Xocas Meijide, director artístico do festival.


Durante as súa intervencións, destacouse a importancia de que un concello das dimensións de Lalín, acolla un evento da magnitude do Galicia Clarinet Fest que pon a Lalín no mapa da elite cultural internacional, sublimando o carácter dun evento que aúna formación, música e convivencia e descentraliza un evento que polas súas características se celebraría nunha gran cidade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Como elemento diferenciador e de posta en valor do patrimonio cultural e lingüístico propio, todas as presentacións dos concertos correrán a cargo do contador e poeta Celso Fernández Sanmartín e da histórica compañía Viravolta Títeres, quen estenderán as marxes do estritamente musical creando pontes poéticas entre o son, o xesto e a palabra.


O Galicia Clarinet Fest conta co apoio institucional clave da Xunta de Galicia —a través da

Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo—, o Concello de Lalín e a

Deputación de Pontevedra, consolidándose non só como un fito cultural senón tamén como un motor económico e de atracción turística e cultural.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page