No evento déronse cita alumnado, familias, equipo docente e directivo da Efa Piñeiral e da Asociación Efa Piñeiral e representantes das empresas colaboradoras co proxecto
Laura Moure/Arzúa
A promoción 2020-2022 dos ciclos de formación profesional das familias formativas de comercio e marketing, panadaría, repostaría e confeitaría e a promoción 2021-2022 do ciclo de coidados auxiliares de enfermaría da Efa Piñeiral veñen de recibir a imposición de becas durante o acto de clausura celebrado en Arzúa.
O evento, no que se deron cita preto de 200 persoas, congregou ó alumnado, ó equipo directivo e docente, á presidenta e directivos da Asociación Efa Piñeiral e a representantes das máis de 350 empresas acolledoras polas que pasan os alumnos ó longo dos ciclos formativos. A clausura do evento correu a cargo do alcalde de Arzúa, José Luis García.
No acto, ademais de procederse á entrega dos diplomas acreditativos e imposición de becas, o alumnado realizou unha presentación da memoria de actividades académicas que conformaron o seu itinerario formativo ó longo do ciclo; visitas e viaxes técnicos, participación en feiras e encontros sectoriais, festas gastronómicas, participación en
obradoiros, e estadías de formación en empresas en cada trimestre.
Javier Casal, director de operación do Grupo Jimsports, como representante das empresas colaboradoras na formación do alumnado, destacou "a importancia da labor feita pola Efa Piñeiral tendendo pontes entre as empresas e o alumnado", e instou ós recén titulados a "aproveitar todas e cada una das oportunidades que o mercado laboral vos ofreza e de amosar aptitudes, pero sobre todo actitudes, factor decisivo nas empresas á hora de reclutar candidatos".
Pola súa banda, a directora da Efa Piñeiral, Ana Saavedra, recoñeceu o esforzo realizado polos alumnos e alumnas, especialmente o aqueles que culminan os seus estudos conciliando familia, traballo e formación. "Fomación que non se debe adandonar nunca; descoidar a formación é morrer como profesional e como persoa tamén, máxime nos tempos que estamos a vivir nos que os perfiles profesionais flexibles, creativos e dixitalizados son tan precisos".
Curso 2022/2023
O centro formativo Efa Piñeiral xa está a recibir solicitudes de información para o vindeiro curso académico no que a oferta formativa de ciclos concertados a conforman os ciclos superiores de educación infantil e márketing e publicidade, e os ciclos medios e de comercio e márketing, panadaría e pastelaría e auxiliar de enfermaría. O prazo para a presentación de solicitudes de admisión en periodo ordinario comeza o vindeiro día 23 de xuño ás 9:00 horas e remata o 5 de xullo ás 13:00 horas.
Comments