top of page

A EFA Piñeiral de Arzúa celebra a Semana de Actividades Conmemorativas da Infancia

Ó redor da celebración do Día Internacional da Infancia, o 20 de novembro, este centro promove iniciativas dedicadas á educación e ao coidado dos máis pequenos


Laura Moure/Arzúa

Baixo o lema "Repensar a Educación dende as Necesidades da Infancia" está a ter lugar no centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral (Arzúa) esta semana un programa de actividades con profesionais multidisciplinares que poñen o foco en diversos aspectos do coidado e educación infantil.


A semana arrancou onte día 10 de novembro coa celebración dunha conferencia "Familias e sociedade: cambios máis significativos respecto á educación da infancia" a cargo de

Ángeles Abelleira, maestra de Educación Infantil e Investigadora en innovación educativa con proxección internacional. Tamén se celebrou o concurso de curtametraxes realizados polo alumnado de primeiro e segundo curso do ciclo de educación infantil sobre a temática dos dereitos da infancia.

ree

Onte, martes 11 de novembro, tivo lugar a sesión "Emocionarse para aprender: a educación emocional como camiño cara unha escola máis humana", a cargo de Carmen Pomar, Doutora en Psicoloxía Infantil, especialista en altas capacidades e profesora da USC. Carmen salientou "a importancia de integrar o triángulo pensamento-conduta-emoción como enfoque holístico da educación e de traballar a educación afectiva de forma continua nas aulas". Defendeu, ademais, "a necesidade de coidar a saúde emocional dos máis pequenos para formar adultos conscientes e capaces de xestionar as súas emocións e decisións na vida".


Hoxe, mércores 12, celebrarase ás 10:30 horas a sesión “Escoitar á infancia: educar e coidar dende o que realmente precisan as nenas e os nenos”, a cargo de Pablo Franco, profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do grupo de investigación Stellae.


O xoves 13, ás 9:30 horas, terá lugar a ponencia “Primeiros pasos, grandes descubrimentos. Acompañar con respecto e creatividade”, impartida por Eva Varela,

directora do Punto de Atención á Infancia do Concello de Touro.


Para pechar o programa de actividades, o venres, ás 9:30 horas, a EFA Piñeiral acollerá a charla “Mudaron as nenas e nenos, e nós?”, impartida por Bárbara Pomares, mestra no segundo ciclo de Educación Infantil. Como broche final, ás 11:30 horas, o alumnado de 1o de Educación Infantil ofrecerá un baile coa canción “No importa que llueva”, poñendo un toque alegre e simbólico á clausura desta edición da Semana da Infancia.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

As actividades son de balde e contan con entrada libre ata completar aforo. Para máis información, pódense comunicar coa EFA Piñeiral 981 505 580.


A Semana da Infancia da EFA Piñeiral de Arzúa é unha iniciativa anual que promove o benestar, os dereitos e o desenvolvemento emocional da infancia. Ao longo das súas edicións, o alumnado de 1º e 2º do ciclo superior de Educación Infantil participa en actividades con profesionais e familias, convertendo o evento nun espazo de aprendizaxe e reflexión.


En anos anteriores, o programa incluíu tertulias sobre inclusión e diversidade, accións solidarias, proxeccións de curtametraxes ou bailes. Tamén se desenvolveron obradoiros e actividades prácticas co alumnado da EFA Piñeiral.


A través desta iniciativa, a EFA consolida o seu compromiso coa formación do seu alumnado e coa construción dunha sociedade máis empática, fomentando que os futuros profesionais da educación infantil se convertan en persoas conscientes, comprometidas e capaces de contribuír activamente co coidado e educación infantil.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page