top of page

A EFA Piñeiral de Arzúa apostou por un completo programa de actividades na 50 Festa do Queixo

Laura Moure/Arzúa

Esta 50 edición da Festa do Queixo de Arzúa foi protagonista tamén da actividade do centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral (Arzúa). Nas súas instalacións desenvolvéronse accións formativas destinadas a poñer en valor, promover sinerxias entre os profesionais e afondar no coñecemento das riquezas que o protagonista da Festa, o queixo Arzúa-Ulloa, posúe.


A programación arrancou o pasado día 25 coa Masterclass “Moito máis que queixo” a cargo do chef lalinense Álex Iglesias, quen liderou un showcooking na que evidenciou toda a versatilidade do queixo Arzúa- Ulloa. O día 26 a Efa Piñeiral acolleu a cata e charla técnica sobre as “Achegas nutricionais do queixo Arzúa-Ulloa” a cargo de Óscar Perez, secretario xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa.

O alumnado do ciclo de educación infantil da Efa Piñeiral desenvolveu sendos obradoiros de sensibilización sobre o queixo e a súa festa nos centros educativos de Arzúa, a escola infantil e o colexio Nosa Señora do Rosario de Atocha.


Nesta fin de semana alumnado e profesorado do ciclo de panadaría, repostaría e confeitaría impartiron no recinto feiral o Obradoiro infantil de cociña e repostaría creativa “Un Queixo moi doce”. Unha cita na que ensinaron a cativos dende 7 anos a traballar coas súas propias mans elaboracións divertidas nas que o queixo foi, unha vez máis, o ingrediente estrela.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A Efa Piñeiral tamén tivo stand propio nas dúas xornadas no recinto feiral onde demostracións e degustacións de pastelaría creativa compartiron espazo con sorteos e actividades de dinamización ideadas e protagonizadas polo alumnado dos diferentes ciclos formativos do centro.


“A Efa Piñeiral reitera o seu compromiso coa formación, co emprego, a promoción rural, e a dinamización do territorio, dos seus recursos e das súas potencialidades. Nesta 50 edición quixemos poder combinar esa vontade co espíritu de celebración que a cita se merece. Dende a nosa institución queremos seguir apostando por contribuir á Festa do Queixo de Arzúa cun programa de actividades multidisciplinares nas que alumnado, docentes e profesionais teñan a ocasión de enriquecer o seu coñecemento sobre o queixo Arzúa-Ulloa, un dos protagonistas do noso territorio e da nosa economía”, afirma Raquel Carregal, directora da Efa Piñeiral.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page