A EFA Piñeiral de Arzúa albergou a xornada de promoción da Fp 'O Camiño das Profesións'
- Laura Moure
- 2 jun
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
Alumnado dos cuartos cursos da educación secundaria obrigatoria do Ies de Arzúa e do CPR Nosa Señora do Rosario de Atocha participaron o venres no “Camiño das profesións; fórmate e traballa no noso rural”, un programa de actividades organizado polo alumnado e profesorado da Efa Piñeiral de Arzúa para dar a coñecer as vantaxas da formación profesional do sector agroalimentario e doutras actividades claves do territorio.
Raquel Carregal, directora da Efa Piñeiral, e Marcos Pampín, técnico do concello de Arzúa, foron os encargados de dar a benvida ós estudantes. Ambos puxeron de manifesto a súa experiencia como alumnos da formación profesional incidindo na pluralidade de itinerarios que hoxe os ciclos achegan ó seu alumnado.

De seguido os mozos deron inicio ás cinco etapas que integran o “Camiño das Profesións”, obradoiros liderados poos alumnos dos ciclos da Efa Piñeiral e nos que se visualizou a versatilidade e practicidade da oferta formativa do centro. Así, os estudantes puideron elaborar unha sobremesa na etapa máis doce nos obradores do centro, dar forma a elementos de dinamización publicitaria e publicacións para redes sociais, aprender xogando sobre alimentación e hábitos saudables e descubrir dinámicas de traballo sensoriais coa infancia.
Na xornada tamén houbo ocasión para que o alumnado coñecera iniciativas empresarias da contorna como “Mamá Teresa, Doces Artesáns”. “Esta iniciativa persigue conectar ós xoves coas posibilidades reais de formación e emprego que existen no seu territorio. A experiencia foi todo un éxito e a nosa vontade é darlle continuidade e extendela a outras colectividades. Queremos agradecer a implicación e traballo do alumnado de Piñeiral, a
colaboración e interese brindado polos centros educativos asistentes, e o importantísimo apoio de Caixabank Dualiza, o MAPA (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación) e máis concretamente, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria” afirma Raquel Carregal, directora da EFA Piñeiral.
Publicidade
Un proxecto educativo diferente, a alternancia
Ao longo das súas 5 décadas de existencia a Efa Piñeiral facilitou a capacitación e empregabilidade de profesionais de diferentes ámbitos grazas ao sistema da alternancia; unha metodoloxía que permite o continuo contacto do alumno coa súa futura realidade profesional, así como diferentes estadías formativas onde a aprendizaxe na empresa complementa os coñecementos adquiridos na aula. “A alternancia aula empresa, sistema que compartimos todos os centros EFAS nacionais e internacionais, permite ao alumno
descubrir a realidade do seu ámbito profesional, as súas propias potencialidades, pero tamén carencias, e por encima de todo, ilusionarse coa profesión á que se queren dedicar”, afirman desde a dirección do centro educativo. “É un sistema que permite traballar de xeito conxunto durante todo o curso coas empresas e os profesionais, detectando os recursos e potencialidades do territorio, o que explica en boa parte a alta taxa de empregabilidade dos nosos ciclos”.
A oferta educativa actual da Efa Piñeiral confórmana os ciclos medios de auxiliar de enfermería, panadería, repostería e confeitería, actividades comerciais e os ciclos superiores de educación infantil e márketing e publicidade. Dende o vindeiro curso 2025/26 tamén se poderá cursar o ciclo semipresencial de auxiliar de enfermaría no centro arzuán.
Comments